Eu creo que, a efectos prácticos, na vida resulta moito máis rendible ser humilde que vaidoso. O malo da vaidade é que son as nubes as que impiden ver o ceo e, como no clásico de Andersen, o vaidoso resulta patético presumindo dun fermoso traxe cando, en realidade, leva semanas espido. No mundillo das letras, se os vaidosos voaran non veriamos o sol. E a cousa vén de atrás: é ben coñecida a xenreira que Quevedo (eximio introdutor da mala leite na literatura española) profesaba a Góngora, a quen don Francisco prometía untarlle os versos con touciño, unha xenreira baseada na envexa que torturaba a este último perante o éxito literario daquel. Eu, que, como escribidor afeccionado non ousaría sequera alzar a voz en defensa desta columna semanal, son consciente do difícil que é o oficio: foi Baroja (outro malhumorado crónico) quen, á pregunta dun lechugino acerca da clave para ser un grande escritor, bramou: «¡Trabajar como un galeote!». Antes, os escritores eran poucos pero selectos. Agora, unha produción en masa determina que o 40% dos 90.000 títulos que ao ano aparecen en España sexan obras de narrativa, é dicir, 36.000, unha cantidade que, por abrumadora, concilia mal coa calidade. De aí que este menda non sexa un gran lector, senón un gran relector, que abomina das novidades, os premios literarios municipais e a tortilla sen cebola. Sobre os rigores do oficio, xa no século X se pronunciaba, en fermoso símil, o escriba e iluminador burgalés Florencio de Valeriánica: «Nam quam suavis est navigantibus portum extremum, ita est scriptori novissimus versus» [Pois tan reconfortante como o último porto para o mariñeiro, así é o último verso para o escritor]. Pero, ah, tranquilos letraferidos, nada de sufrir! Aí temos a IA que, como a purga de Benito, fai efecto antes de tomala. Romper a cabeza imaxinando? Danar o lombo escribindo? Deixar os ollos corrixindo? Vaites! Define nun anaco un bo prompt, proporciona á IA dez instrucións de contexto, estilo, trama, espazo e tempo e, voilà!, aí tes unha magnífica novela, tan magnífica, falsa e cimarrona como un peso de tres pesetas. Prompt narrativo: outra fascinante prestación da IA, impecablemente deseñada para aniquilar a literatura.