Falece Manuel Caamaño Suárez, o defensor da arquitectura popular galega

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Manuel Caamaño, nunca imaxe do 2017.
Manuel Caamaño, nunca imaxe do 2017. MARCOS CREO

O seu libro  «As construcións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia» é unha das referencias do campo 

06 abr 2026 . Actualizado a las 15:51 h.

Quen desexe coñecer as edificacións tradicionais do país ten que facer unha parada obrigatoria en As construcións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia (2003). Trátase da biblia imprescindible para entender a paisaxe galega, unha obra recoñecida cos premios Antón Losada Diéguez e da Crítica Galicia. O seu autor, o noiés Manuel Caamaño, falecía esta fin de semana aos 90 anos de idade.

Aparellador, docente e escritor, Caamaño formouse na Escola Politécnica de Barcelona e traballou en firmas como Agromán e Dragados y Construcciones.  Porén, sempre mantivo unha fonda ligazón coa cultura galega en múltiples facetas. Participou na fundación do Partido Socialista Galego (PSG) e foi membro activo de colectivos como Adega, a Fundación Castelao e a Editorial Galaxia. A súa etapa á fronte da Agrupación Cultural O Facho marcou, ademais, unha época de resistencia e florecemento cultural moi importante.

Parte do seu pensamento plasmouse nas páxinas de La Voz, onde escribiu con regularidade. «Na década dos 80 colaborei publicando un artigo cada 15 días, traballos que foron incluídos no meu primeiro libro, Sobre Galicia como responsabilidade», lembraba neste xornal no 2018. Aqueles textos incidían sempre na idea do respecto absoluto polo popular e o auténtico.

Como profesor na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña (1975-2000), transmitiu a varias xeracións de alumnos a importancia de conservar a construción tradicional non como un fósil, senón como parte viva do noso ser.  Ata os seus últimos días, Caamaño seguiu sendo un home de acción, membro da Fundación Pedrón de Ouro e colaborador do Museo do Pobo Galego.