O arquivo de Luísa Villalta, en aberto: «Á muller, por educación, impónselle o silencio social»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Público durante a inauguración da mostra «Luísa Villalta: música, palabra e compromiso»
Público durante a inauguración da mostra «Luísa Villalta: música, palabra e compromiso» SANDRA ALONSO

Unha exposición no Arquivo de Galicia amosa e pon a disposición da sociedade o legado documental da autora homenaxeada nas Letras Galegas do 2024

10 mar 2026 . Actualizado a las 13:04 h.

«O primeiro que se pode dicir da relación entre a muller e a arte é que á muller, por educación, impónselle o silencio social». Esa anotación, escrita cunha brillante tinta verde, escintila nunha vitrina que hoxe, trinta anos despois, contribúe a rachar ese mutismo que Luísa Villalta denunciaba nunha mesa redonda sobre as mulleres e a literatura en 1996. A pulcra letra, deitada sobre o borrador da súa intervención, convértese nunha poderosa ferramenta, unha chave que libera a voz acalada das mulleres, adormecida moitas veces entre papeis, documentos e fotografías.

Luísa Villalta fala agora dende a Biblioteca e o Arquivo de Galicia, onde dende hai un mes se custodia o seu fondo documental, doado pola súa nai, María Gómez Castro, e pola súa irmá. «Luísa Villalta é unha figura intelectual feminista que avogou sempre pola igualdade e o seu legado, que hoxe aquí se celebra, é un valioso patrimonio para todos nós e para as futuras xeracións», dicía Susana durante a inauguración dunha exposición que pon na man da sociedade o legado da que foi figura homenaxeada nas Letras Galegas do ano 2024 e que continúa a liña das mulleres sobranceiras que a Cidade da Cultura leva reivindicando desde o ano 2016.

A través de diversa documentación, como anotacións para facer traballos, haikus, correspondencia, fotografías e publicacións, o Arquivo de Galicia fai un percorrido intelectual e emocional polos tres piares que amosan o pensamento de Luísa Villalta: a música, a palabra e o compromiso. «O título foi elixido para tratar de transmitir a esencia de Luísa», explicaba Mar García, comisaria dunha mostra que ata o mes de decembro fará o esforzo de «facer brillar e poñer a disposición da sociedade galega» o legado documental que custodia o Arquivo de Galicia, salientaba o conselleiro de Cultura, José López Campos, durante o acto inaugural.

A música, de feito, foi fundamental na súa vida e diso dan conta os folletos das súas actuacións como alumna do Conservatorio da Coruña, e tamén diversa documentación relacionada co seu traballo na Orquestra de Santiago e a Xeral Orquestra de Galicia. En 1988 aprobou as oposicións do ensino. E entón a súa vida comezou a andar outros vieiros. Malia todo, a música reflectiuse no seu primeiro poemario, Música reservada, ou no ensaio O outro lado da música, a poesía.

Porque o outro alicerce de quen foi Luísa Villalta é a palabra. Nas vitrinas vanse sucedendo os sete haikus, un exemplar do seu segundo poemario, Ruído, e documentos que amosan como foi cultivadora de todos os xéneros e tamén o seu fondo compromiso social. Activista feminista e pola lingua, tamén loitou en causas como a palestina e mobilizouse despois da traxedia do Prestige.

Interesante é a súa correspondencia. A súa preocupación por representar a Galicia e a lingua galega en foros internacionais levouna a participar en todo tipo de congresos, actos de reivindicación social e cultural e tamén a manter contacto con escritores estadounidenses, bretóns e da lusofonía, por poñer un exemplo. «A correspondencia con Itxaro Borda é unha constante ao longo de toda a súa vida. A cuarta parte da súa correspondencia é con ela», explicaba a comisaria. Nesas cartas fala máis libremente do seu compromiso político e das súas vivencias persoais, co que pode abrirse deste xeito unha nova vía de investigación que permita «coñecer máis intimamente a figura de Luísa», explican dende o Arquivo.