A actriz Ledicia Sola inicia en Ourense a rodaxe da súa ópera prima, «As aguas»
CULTURA
A gravación comezou no complexo turístico de Muíños
20 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A película As augas, que supón o debut na dirección de longametraxes da actriz e cineasta ourensá Ledicia Sola, iniciou a súa rodaxe no complexo turístico do Corgo, no concello ourensán de Muíños. A gravación desenvolverase ata o 14 de marzo en diferentes localizacións da provincia, con escenas tamén previstas en Verín e na cidade de Ourense. As augas, rodada en galego, preséntase como un drama xeracional contemporáneo que aborda unha historia ambientada en Ourense, terra de procedencia da familia da directora e que ela mesma confesa como inspiradora deste traballo.
«A auga funciona como fío condutor dun relato que é unha viaxe interior compartida. Unha historia xeracional de amigas, de mulleres reais que teñen unha revelación e deciden saltar por riba de calquera convencionalismo para facer as cousas dun xeito diferente, único e xenuíno, marcando así o seu propio camiño. Fala dos problemas ós que se enfronta unha xeración de mulleres arredor dos 40 anos que teñen que ver coa familia, a maternidade, o traballo e a vida de parella», explicou a realizadora, visiblemente emocionada tras poder facer realidade un soño no que empezou a traballar hai ó redor de cinco anos.
O reparto está encabezado pola propia Ledicia Sola xunto ás actrices Marta Larralde, Melania Cruz e Lidia Veiga, ademais do actor Toni Salgado. A trama sitúase arredor da personaxe principal, Nora, que regresa ao manancial da súa infancia coa esperanza de que as augas lle axuden a curar os seus males.
«Eu empecei polo guión, pensando como actriz e nos proxectos que non me chegaban. Comecei a pensar nas mulleres da miña vida, ás que eu non vía representadas na pantalla. Ó principio quería atopar un director ou directora, pero Alfonso Zarauza, de Maruxiña Film Company, díxome que a tiña que dirixir eu ó ser unha historia tan persoal. Así, a dirección apareceu na metade de todo o proceso, de máis de cinco anos, dunha maneira orgánica», confesou Ledicia Sola durante a presentación. A película está financiada pola Deputación de Ourense, a Agadic e a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e coproducido por Maruxiña Film Company e Matriuska Films.