Unha páxina no caderno de bitácora de Siro

CULTURA

Siro, no 2025, nunha exposición sobre a súa obra.
Siro, no 2025, nunha exposición sobre a súa obra. César Toimil

30 ene 2026 . Actualizado a las 09:08 h.

Sendo como é a zona de Ferrol terra de estaleiros, o acontecido con Siro o 19 de xaneiro de 1943 non se podería considerar un nacemento, senón a botadura dun barco; un navío en cuxa quilla non se escachou unha botella de champaña, senón un frasco de tinta chinesa. Con lapis por mastros e lenzos de pintor por velas. Construído en madeira de carballo, de pino sen queixumes. E levando sempre en popa o impulso do nordés, ese vento con denominación de orixe, ese vento Galicia Calidade. Suca a nao Siro os sete mares da arte, enchendo as súas bodegas de sabedoría; e canto máis as carga, máis lixeiro navega. Deixa un ronsel que semella un trazo de plumiña e que nunca se termina de desvanecer. Ao contrario: faise indeleble, tatuado na superficie. Suca a nao Siro os océanos de óleo nunha singradura longa coma unha pincelada de Van Gogh, e en cada porto ten un amor: Chagall, Gauguin, Velázquez, Goya, Rubens, Colmeiro… Leva a Castelao como mascarón de proa. Na mesana ondea a bandeira da xenerosidade, e tamén a do humor co que pon boa cara ao mal tempo na alta mar. Somos incontábeis os que subimos á súa cuberta e gabeamos ata o máis alto do mastro maior, desde onde se nos revelan en verdadeira perspectiva as illas da caricatura, do debuxo ao pastel, do retrato de liña clara…

Este 30 de xaneiro parte a nao Siro rumbo a Santiago de Compostela, nunha sorte de Camiño Inglés que o levará en feliz peregrinación a abrazar a homenaxe que se lle renderá no Día da Ilustración. Irá por unha senda de auga, atopando as frechas amarelas que marcan o itinerario, cando para moitos de nós el representa as frechas que nos foron indicando o camiño a seguir no mundo do debuxo e do humor en prensa.

Tal día coma hoxe de 1886 nacía o gran debuxante Castelao. Se el era médico, Siro diseccionou con precisión de cirurxián a obra do eximio artista e intelectual rianxeiro. Grazas, amais das achegas doutros ilustres, ao seu labor ensaístico sobre a arte de don Alfonso Daniel, a obra de Castelao goza de boa saúde. Siro e Castelao: os dous de sempre. Sorrirá o autor de Sempre en Galiza vendo que Siro debuxa sempre en galego. Sumarase, sen dúbida, aos honores dedicados ao digno herdeiro ferrolán quitando o sempiterno sombreiro de feltro negro, colocándose en primeira fila por mor da súa vista minguada:

—E ti aquí, Daniel?

—Xa ves, Siro. Sonche cousas da vida.

Vai a nao Siro recibir o merecido tributo cara á Cidade da Cultura, que ten forma de colosais ondas mariñas (que grandes son, Meendiño), para despois retornar a porto coas bodegas repletas de recoñecemento e as velas enchidas de cariño.