Hydn convértese nunha boxeadora e fai unha viaxe ao «r&b» dos 2.000 con «Taste» 

J.B. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Fotograma do video do tema «Taste» de Hydn.
Fotograma do video do tema «Taste» de Hydn. .

A cantante lembra a figuras como Nelly Furtado ou Beyoncé no seu novo sinxelo

24 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O novo sinxelo de Hydn —alias artístico da ceense Sandra Guedev— propón unha viaxe no tempo á primeira década do século XXI. Titulado Taste, e aplicando o seu habitual híbrido de inglés e galego (gallenglish, como o denomina ela), o tema abraza de maneira directa o son r&b que triunfou naqueles anos. É doado atopar ecos de artistas como Rihanna, Beyoncé e, sobre todo, da Nelly Furtado aliada co produtor Timbaland no disco Loose (2006).

Nesta ocasión, a produción correu a cargo do madrileño Luki (Sofía Coll ou DeTeresa), quen lle deu lustre a un tema composto pola propia Hydn xunto con Noelia Enríquez, tamén bailarina do proxecto. Segundo explica a artista, Taste constrúe o seu relato desde a tensión e o xogo de poder que se establece entre dúas persoas: «A canción non se centra no desenlace, senón no momento previo, nese equilibrio inestable no que conviven o desexo, a confrontación e a atracción».

Todo isto queda plasmado no videoclip da peza, dirixido polo burelense Iago Vilarinho, que emprega o boxeo como símbolo. Nel, Hydn enfróntase a Jessi Longueira, boxeadora coruñesa, gañadora do Open Cidade de Lugo 2024 e profesora en Flightland.