Roberto Fernández: «Na lonxevidade dos galegos as claves culturais pesan igual que as biolóxicas»
CULTURA
O médico gaña o Ramón Piñeiro cun ensaio sobre os centenarios
30 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.No 2022, había en Galicia máis de dúas mil persoas que viviran cen anos. E de toda a xeografía galega, Ourense é a zona que máis persoas centenarias concentra. O doutor Roberto Fernández Álvarez (Ourense, 1967) profundou nun traballo de investigación nas razóns que levan ao interior de Galicia a ser unha das áreas máis lonxevas do mundo. E iso, xunto coa súa profesión de médico, foi o xermolo de A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega, o ensaio que vén de gañar o 25.ª edición do premio Ramón Piñeiro de ensaio.
«O traballo de campo que fixemos, mais a análise das narrativas dos centenarios, mais a investigación da documentación que hai ao respecto, que hai moita, foi o que me levou a converter isto nun ensaio», di este médico que exerce en Allariz.
Foi a actualidade da temática o que motivou ao xurado a optar, de entre os dezaseis traballos presentados, por este texto sobre a lonxevidade, un asunto que adoita abordarse fundamentalmente dende a perspectiva científica e tamén como reto en materia económica e de servizos sociais.
Nas chaves da centenaridade hai factores que son comúns a todas as coñecidas como zonas azuis, as que concentran o maior número de persoas centenarias e que están xa en todo manual de vida sa: a dieta, o exercicio e tamén o sono. Porén, A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega fala dende outro lugar. O da cultura.
«O que engadimos son as claves culturais propias dunha forma de entender a vida galega. E penso que teñen, polo menos, tanto peso como as claves biolóxicas», di o autor. Aí están a resiliencia das persoas galegas, a relación coa morte, a extraversión mesturada co individualismo —«que condicionan unha serie de factores que teñen que ver coa duración da vida», engade Fernández Álvarez— e unha especial forma de enfrontar os riscos vitais, «o que todo o mundo coñece como sentidiño e que nós aquí chamamos o metasentidiño», explica o gañador do Ramón Piñeiro.
O ensaio está escrito por un narrador, e iso nótase. Roberto Fernández Álvarez xa gañara no 2023 o premio Blanco Amor de novela con A inmoral doutora Cons, e no 2017 o Vicente Risco de ciencias sociais co texto Enfermos pobres, médicos tristes. O xurado tamén tivo en conta a «prosa de gran calidade, fondamente discursiva e cun pulo divulgativo á vez que rigoroso polo informado, formado e pola fondura científica» de A arte de non morrer, que ademais está pespuntada de citas de autoridade literaria e artística.
Acudir ás fontes
«Para determinar cales son os condicionantes culturais ou de carácter propio dos galegos, fundamentalmente do interior, que é onde máis acontece este fenómeno da lonxevidade, hai que ir ás fontes que describiron cal é ese carácter galego». E esas fontes están nos nosos pensadores. No ensaio están Castelao, e tamén Vicente Risco, e Xoán Vicente Viqueira, e Losada Diéguez, e García-Sabell. «Estes autores foron os que describiron coa súa capacidade de indagación os trazos do carácter galego que eu recollo para logo contrastar coa bibliografía e ver se teñen peso no factor da duración da vida e a lonxevidade». Efectivamente, cotexando coa evidencia científica, hai aí un factor que ten que ver co xeito de ser galego.
Escribe un médico recollendo palabras de pensadores que, en non poucos casos, foron tamén médicos. Un factor que tampouco pasou desapercibido para os responsables do premio Ramón Piñeiro. Nin para Roberto Fernández, que ten outra publicación sobre a historia da medicina en Galicia e sobre a narrativa dos médicos rurais. «Vexo que unha parte moi importante da súa actividade está contemplada dende o humanismo». Intentaron facer ciencia e conseguiron avances na medicina e na práctica clínica, abofé, pero ao mesmo tempo «tiñan unha visión humanística, un xeito de entender os doentes e entender as persoas que hoxe, nalgúns casos, bótase de menos», confesa Roberto Fernández.
Moitos deles eran tamén lectores e houbo unha cantidade importante de médicos que cultivaron a literatura e o ensaio. Citaba Fernández Álvarez entre as súas fontes a Castelao e García-Sabell, pero houbo outros nomes que xermolaron durante o anuncio de que el era gañador do 25.º premio Ramón Piñeiro: Eduardo Pondal era médico, como o foi tamén Leiras Pulpeiro, nomes que «forman parte do noso acervo cultural que destacan por esa dobre faceta de parte social e humanística», dicía o secretario xeral da Lingua, Valentín García, no acto.
Nomes que en moitos casos son de suma importancia para a historia cultural de Galicia, pero houbo moitos máis. «E moitos deles cultivaron a literatura e o ensaio e quedaron no descoñecido, porque non foron publicados. Eu coñecín a varios médicos que escribían», matiza Roberto Fernández.