ONadal é unha época marcada indeleblemente pola música. Son melodías de celebración, en ocasións, insistentemente repetitivas. Un fenómeno global dentro da cultura cristiá, que transcende fronteiras e linguas para establecer unha banda sonora universal. Os solemnes himnos, os carols anglosaxóns ou os vilancicos casteláns máis populares fan da música, entre outros, un piar básico da celebración. En Galicia, a tradición musical do Nadal participa tamén desta corrente internacional con expresións propias e diferenciadas: o vilancico e a panxoliña son dúas manifestacións que reflicten distintos mundos da sociedade galega tradicional, con orixes, funcións e características estruturais claramente diferenciadas.
O vilancico (do termo vilán, habitante da vila) ten a súa orixe na lírica popular profana da Península (séculos XV-XVI). Porén, en Galicia o seu recoñecemento débese á incorporación eclesiástica a partir do XVII. Estes cantos convertéronse en pezas sacras complexas, compostas e interpretadas nos ámbitos institucionais das catedrais e mosteiros, nas grandes festas e por suposto no Nadal. A súa orixe é culta e cortesá, adaptada á liturxia. Composicións de autor coñecido (mestres de capela), que requiren formación musical avanzada. É destacable a produción de vilancicos en galego, que serviron como ponte lingüística entre o clero e o pobo e cos que tentaban achegar esta celebración á comunidade.
A panxoliña, en contraposición, é o xénero que representa a tradición oral e popular do Nadal galego. Desvinculada da formalidade do vilancico, nace no eido doméstico e veciñal. O seu nome evoca a celebración alegre e está ligada á veneración do belén. De orixe popular e de transmisión oral; son cantos anónimos, con melodía sinxela e estrutura adaptable. Cantábanse nos fogares ou polos grupos de veciños que percorrían as casas pedindo o aguinaldo e a súa temática céntrase exclusivamente no nacemento. Nestas datas gusto de facer unha escolma de melodías deste tipo tanto galegas nas súas variantes como outras do mundo céltico e a verdade é que sempre me sorprende a enorme riqueza inacabable que hai neste contexto.