Facer música con ondas cerebrais, o espectáculo pioneiro de Alberto Castaño
CULTURA
A través dun dispositivo que conecta o seu cerebro co software, é quen de dar comandos para xerar son e imaxes, unha investigación pioneira en España
25 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O ser antes do ser é unha leve despolarización eléctrica. Sutís cambios que activan o neocórtex prefrontal. A idea dunha idea. Así comeza un proceso que semella doado, pero que implica múltiples cambios eléctricos e bioquímicos para pasar do pensamento á acción. Ese camiño, poucas veces examinado con tanto detalle, é o que Alberto Castaño (A Coruña, 1983) explora no espectáculo Cerebral IV, Solve et coagula, un experimento biotecnolóxico no que o artista é quen de facer música co cerebro.
Así, ao percorrer ese longo vieiro do proceso creativo a nivel físico, poucas veces explorado tan a fondo, é posible reparar en como o corpo replica a orde universal das cousas. «Este proxecto parte dun experimento biotecnolóxico que se materializa nun espectáculo audiovisual», explica Castaño, que, co proxecto Cerebral 4.0, é un dos beneficiarios da convocatoria das axudas Rega, que lle permitiron continuar desenvolvendo un proxecto que xa presentara no ano 2021. «O que conseguimos con este mes de investigación é acadar o control consciente». Antes, a imaxe e o son variaban de xeito máis aleatorio segundo o estado mental de Castaño. Agora, ten uns comandos mentais. «A máquina aprendeu a recoñecelos e podo dar ordes concretas», explica o artista.
A investigación de Castaño é pioneira en España e un dos poucos proxectos de control consciente musical do mundo. Aplícalles á música os BCI (brain computer interfaces ou interfaces cerebro-computadora), dispositivos que «veñen para quedar» e que, posiblemente —adianta—, en poucos anos estean utilizándose para controlar os teléfonos, por exemplo.
Cerebral IV salta un paso á hora de facer música, xa que pasa directamente do cerebro á máquina. «A idea orixinal é saltar o paso físico. De momento é complicado, porque estamos nun estadio temperán». Pero pronto será posible comandar directamente entre o cerebro e o software. «Non podo comandar do, re, mi, fa, sol e tocar iso de momento, pero hai tres anos eu non contaba con chegar a onde estamos», sinala Castaño.
Coa colaboración de Óscar Domínguez, as ondas cerebrais de Alberto Castaño non só se converten en son. Tamén son imaxes. E cada espectáculo, ao basearse nas ondas cerebrais transmitidas á máquina, é único. «Estamos poñendo a Galicia na cabeza dunha carreira tecnolóxica que vén xa», di Castaño, que cre que traer xente de fóra é positivo, porque inspira e motiva, aínda que resalta que axudas como as Rega, dedicadas a artistas locais, son «realmente o que articula un tecido cultural sólido, sostible e propio e que, aínda por riba, podemos exportar fóra».