A feira acollerá en Pontevedra 225 espectáculos entre os días 28 e 30 de novembro
31 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A deste ano será, en palabras de Víctor López, presidente de Culturgal, «a edición máis grande e ambiciosa do Culturgal». Así, entre o 28 e o 30 de novembro, pasarán polo Pazo da Cultura de Pontevedra uns 750 artistas e creadores, programaranse 225 espectáculos e actividades e participarán máis dun cento de expositores. Á vista destas cifras, sostivo que esta cita é un «espazo de referencia para a industria cultural galega».
«A cultura debe ser entretida e útil», sinalou, pola súa banda, Camilo Franco, director do Culturgal e encargado de desglosar unha programación na que a música terá especial protagonismo.
Por primeira vez na historia da feira das industrias culturais galegas, desenvolverase un concerto de benvida —será o 27 de novembro— no que Uxía Senlle, xunto con varias artistas convidadas, abordará o seu último traballo discográfico, Será por flores. Ao día seguinte, de novo, as voces femininas da canción galega encherán o escenario do auditorio do Pazo da Cultura coas actuacións de Faia Díaz, A Pedreira e Felisa Segade, mentres que o sábado Pontevedra asistirá ao retorno de Magín Blanco á música adulta tras dúas décadas enfocado a un público infantil.
Óscar Ibáñez será o encargado do concerto do peche desta edición, que se trasladará ao Teatro Principal, mentres que esa mesma tarde está previsto que no recinto feiral actrices e cantantes galegas lean fragmentos da obra da escritora Begoña Caamaño, á quen se dedicará o Día das Letras Galegas 2026.
Outras das citas imperdibles vén da man do humor e concretamente do espectáculo Moito conto, creado por Xosé Antonio Touriñán en exclusiva para esta feira e no que se rodeará de David Amor, Pablo Meixe, Patricia Castriñón e Marita Martínez. De igual xeito, no recinto feiral desenvolverase o espectáculo de danza Ceibe, de Fran Sieira, e repetirase a experiencia do pasado ano de Vén e baila con Artur Puga.
No eido audiovisual, entre outras programacións, proxectaranse as películas Romería, de Carla Simón; Antes de nós, de Ángeles Huerta; Meu ilustrísimo amigo, de Paula Cons; e os documentais Rapa, xente ao monte, de Alejandro Enríquez; Regueifa, de Undedez; e A Pedreira presentará Basal. A isto súmase unha selección das curtametraxes do ano e, como novidade, un ciclo de narrativa oral no que directores, realizadores e guionistas galegos explicarán os seus próximos proxectos como se fora un conto.
Nas artes escénicas, o Culturgal acollerá os adiantos das montaxes de obras que chegarán no 2026 de Chévere, Centro Dramático Galego, Talía Teatro, Bengala ou Morra o Conto. E no plano literario, pasarán pola feira Manuel Rivas, Suso de Toro e a escritora vasca Oihane Amantegui, entre outros moitos autores.
A feira servirá de escaparate para «Pensión incompleta», serie de Voz Audiovisual
De novo, a Xunta é a principal financiadora da «gran festa da cultura galega», tal e como cualificou Jacobo Sutil, director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). Destacou que o Culturgal funciona non só como plataforma desde a que difundir os servizos e produtos de todos os ámbitos artísticos «feitos aquí e no noso idioma», senón tamén como unha moi interesante oferta cultural e lúdica de concertos, representacións escénicas, proxeccións audiovisuais, sinaturas de libros ou coloquios, entre outras moitas actividades.
Opera como altofalante para amosar un avance, en ocasións en exclusiva, dos proxectos artísticos que están en preparación. Así, adiantaranse algúns dos traballos que chegarán ás pantallas proximamente, como a ficción televisiva Pensión incompleta, de Voz Audiovisual, «na que se dá visibilidade ao plurilingüismo que hai en España, unha serie, a primeira que se roda en castelán, en galego, en catalán e en éuscaro, o cal vai ser un fito tamén para a posta en valor da variedade de linguas, ou tamén a presentación da seguinte produción do CDG, un gran clásico, Hamlet, dirixido por Cándido Pazó».
Ademais, a Cidade da Cultura levará obradoiros infantís e poderase gozar coa mostra de realidade virtual sobre Castelao.