Miguel, «in memoriam»

CULTURA

Miguel Anxo Murado García (Lugo, 1945-Vigo, 2025).
Miguel Anxo Murado García (Lugo, 1945-Vigo, 2025).

24 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai días, o 11, Miguel Anxo Murado García faleceu en Vigo aos 80 anos. Nacera en Lugo o 1 de maio de 1945, o día no que o Exército Vermello tomou Berlín, coincidencia que Murado lembraba sempre que tiña ocasión. Porque Murado, doutor en Bioloxía pola Universidade de Madrid, estaba na sociedade, tamén, pola vía das Letras. Os máis achegados coñecen, desde o 2024, o seu relato A cantiga da burata, texto que estrea, na narrativa galega, unha modalidade excelsa polo xeito de contar e recordar, pola riqueza de léxico enxebre e tamén cultista, todo nunha trama na que o autor descobre —inventa— unha cántiga de amigo do século XIII que lle apuxo a un tal Breixo de Rábade e que pode competir en valía e en misterio coas máis escolleitas daquel tempo. No funeral do día 12 tiven ocasión de saudar a varios biólogos aos que lles dirixira a tese de doutoramento nos anos en que o científico Murado García fora director, en Vigo, do Instituto de Investigacións Pesqueiras, pero que valoraban, non pouco, a insólita noveliña publicada por Medulia o ano pasado. Na biografía do instituto deixou o investigador e organizador Murado García a súa impronta.

Non sei de ninguén, no mapa cultural de Galicia das últimas décadas, que tivese a sólida constitución de Murado en ciencias e en letras, constitución enriquecida pola música, pois era un excelente guitarrista e compositor, ademais dun activista desa causa. Parecía un intelectual renacentista, o que algúns xa adiviñaron, en 1975, cando publicou, en Akal, A contaminación en Galicia (Madrid).

Eu fun o seu profesor de Literatura, en Lugo, de 1960 a 1962, pero el, nos saberes filolóxicos, viña de seu avó, de don Manuel García Blanco, o autor, en 1912, de Consideraciones sobre la decadencia y la rehabilitación de la lengua gallega. Teño noticia de que pouco antes do seu pasamento entregou en Xerais un novo relato, que algúns agardamos impacientes.

Estanse indo os mellores, nesta etapa da historia dirixida por pallasos de moi pouca intelixencia pero con moito poder, un aínda con moitísimo poder.

Desde a señardade, Miguel: Sic tibi terra levis.