A industria musical galega terá os seus propios premios

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Montaxe dun concerto no Coliseum da Coruña
Montaxe dun concerto no Coliseum da Coruña No disponible

AGEM impulsa a primeira edición dos galardóns. Entregaranse o 27 de novembro en Santiago e recoñecerán 17 categorías do sector

08 oct 2025 . Actualizado a las 14:07 h.

A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) anuncia o nacemento dos Premios da Industria Musical de Galicia, uns galardóns que buscan dar visibilidade e recoñecer o talento, a creatividade e o compromiso coa sustentabilidade no ámbito musical do país.

A primeira edición celebrarase o xoves 27 de novembro, cunha gala na Sala Capitol de Santiago na que se darán a coñecer os gañadores das 17 categorías previstas. Entre elas figuran o deseño de iluminación, a produción discográfica, a comunicación, a identidade visual, a sustentabilidade ou o evento musical do ano, ademais de recoñecementos especiais como «Artista do ano», «Persoa do ano» e o premio do público á excelencia na experiencia.

A presidenta de AGEM, Patricia Hermida, subliña que «a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Estes premios nacen para celebralo e para recoñecer o traballo das persoas e proxectos que fan medrar a nosa industria».

Un xurado independente, formado por profesionais da comunicación, a produción, a creación artística e o emprendemento cultural, será o encargado de elixir os galardoados, mentres que o público poderá participar votando a través das redes e da web de AGEM.

Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de fortalecer un sector clave na cultura e na economía galegas. Nese sentido, subliñan que ten 100 millóns de euros de impacto anual e continúa consolidando o seu papel como motor cultural e social de Galicia.