Un mar de voces homenaxearon a Castelao na súa terra, en Rianxo

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

CULTURA

Detalle do encontro musical No Bico un Cantar, que rendeu tributo a Castealo no 75.º aniversario do seu pasamento.
Detalle do encontro musical No Bico un Cantar, que rendeu tributo a Castealo no 75.º aniversario do seu pasamento. Marcos Creo

A vila natal do intelectual acolleu una nova edición do encontro No Bico un Cantar

07 jun 2025 . Actualizado a las 19:30 h.

Se Castelao levantase a cabeza nun día coma o de este venres, a bo seguro que o enchería a emoción, a mesma que sentiron as ducias de persoas que ateigaron o pavillón municipal da súa vila natal. Con motivo do Ano Castelao, Rianxo foi o lugar escollido para celebrar unha nova edición de No Bico un Cantar, una iniciativa do Consello da Cultura Galega que conta coa colaboración das consellerías de Cultura e Educación, e que reuniu a medio milleiro de rapaces chegados de conservatorios e escolas de música de toda Galicia para homenaxear ao rianxeiro máis universal.

Foi un fermoso recoñecemento a Castelao, e tamén ao pobo deste concello, e aos seus músicos, cun repertorio que comezou con Bicos do mar, peza composta por dous rianxeiros, Xesús Frieiro, Pinciñas, e Anxo Romero Lojo, compositores da tamén universal A rianxeira.

Acento arxentino

Os rapaces que formaban o multitudinario coro que ocupou a pista do pavillón, vestidos todos con camisetas azuis iguais, semellaban as ondas do mar ao bailaren coma as ondiñas da ría ao son do himno oficioso de Galicia. Ata en tres ocasións soou A rianxeira. A segunda vez foi con acento arxentino, a través dunha gravación coa que o alumnado do instituto galego Santiago Apóstol de Bos Aires se sumou á festa, unindo as dúas terras de Castelao, a que o viu nacer e a que o viu morrer hai 75 anos.

A terceira vez que soou a canción foi por desexo expreso da batuta que dirixiu a nenos e músicos no concerto. Maximino Zumalave é un director de prestixio cunha extensísima traxectoria, mais onte recoñecía: «É a primeira vez na miña vida que dirixo A rianxeira, e gustaríame facelo polo menos dúas veces». Así que convidou ao público a cantala de novo cos cativos.

Foi un dos gratos momentos dunha tarde chea de emocións. Especialmente intensa foi a interpretación da sempre emocionante Lela de Os vellos non deben de namorarse escrita por Castelao. Tamén o foi a gran estrea mundial doutro tema, Daniel. Sobre os versos de Emilio Pita, José Luís do Pico Orjais, mestre dun dos colexios do municipio rianxeiro e divulgador cultural, puxo melodía a unha canción de berce que recibiu unha grande ovación por parte do público.

Esta edición do encontro No Bico un Cantar rematou coma as anteriores, co coro de rapaces entoando os versos de Maio longo, de Rosalía, desta volta acompañados polo quinteto de metais Hércules Brass, que puxo a música a unha homenaxe tan sinxela como emocionante e que, con toda seguridade, faría moi feliz a Castelao.