O Serán cita no Gaiás mil intérpretes para un «berro reivindicativo do noso»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Imaxe da primeira edición do Serán, no ano 2018
Imaxe da primeira edición do Serán, no ano 2018 XOAN A. SOLER

O encontro, do 20 ao 22 de xuño, centrarase no baile e a música tradicional

13 may 2025 . Actualizado a las 19:26 h.

Tras dous anos de ausencia, o Serán regresará ao Gaiás para celebrar a súa cuarta edición, que estará dedicada ao baile e a música tradicionais. Terá lugar entre o 20 e o 22 de xuño e reunirá a un milleiro de intérpretes e artistas procedentes de 40 agrupacións de baile, canto e pandeireta. O obxectivo é converter esta cita nun «berro reivindicativo do noso; a arte inmaterial, o folclore, é a parte máis íntima da cultura dun pobo, a cerna que debemos coidar e protexer», afirmou Quique Peón, coreógrafo, investigador e director artístico deste encontro.

O Serán volve a darlle protagonismo ao baile e á música tradicionais, como fixera na súa primeira edición celebrada no 2018, despois de centrarse nas bandas de música (2019) e nas pandeireteiras (2022) nas dúas últimas ocasións. «Será unha convivio da nosa cultura tradicional», incidiu Peón sobre este proxecto que comezará o día 20 cun festival folk. Conformarán o seu cartel Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Tres Pesos —Felisa Segade, Xoán Porte e Xosé Antón Ferreira (Pepe de Calo)—, De Ninghures e Xosé Lois Romero & Aliboria. Os interludios correrán a cargo de Os Enxebres de San Lázaro.

O sábado 21 será o momento do Foliadón, con centos de intérpretes e cinco horas de música e baile a partir das 21.30 horas. De animalo encargaranse máis dunha quincena de formacións de gaiteiros, pandeireteiras, cantareiras e grupos de música tradicional, entre os que se atopan a charanga de Cantigas e Agarimos, Untia, Murga Ultreia, O Fiadeiro, Airiños do Petouto, A Ponte Vella e Alxiberia.

Xa na mesma mañá do domingo comezará a música co certame de coros enxebres no que participarán as pandeireteiras de XOC —formación que agrupa a intérpretes de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos—, o coro tradicional Xacarandaina (A Coruña), Cantares do Brión (Gondomar) e a coral De Ruada (Ourense).

Pola súa parte, a partir das 17 horas, encargarase de pechar o Serán'04 un festival folclórico con oito grupos: Tequexetéldere (A Estrada), Aturuxo (A Coruña), Lembranzas da Ría (Cangas), Arume de Caión (A Laracha), Traspés (Vigo), Buxaina (Cedeira), Son D'Aquí (A Coruña) e Saíñas (Xove).

O conselleiro de Cultura, José López Campos, animou a todo o público a achegarse á Cidade da Cultura para gozar «de tres xornadas de orgullo e defensa do noso. [...] Vai haber foliada, e foliada da boa», proclamou. Ademais, alentou a darlle continuidade a esta iniciativa do Serán con vindeiras edicións.

A Cidade da Cultura acolleu a presentación este martes do encontro coa participación de representantes de parte dos grupos que participarán, ademais de representantes institucionais e o director artístico do encontro, Quique Peón
A Cidade da Cultura acolleu a presentación este martes do encontro coa participación de representantes de parte dos grupos que participarán, ademais de representantes institucionais e o director artístico do encontro, Quique Peón SANDRA ALONSO

Unha mostra de traxes, feira, clases e unha «foliadiña» acompañan as actuacións

As actuacións estarán acompañadas dun programa de actividades no que destaca unha exposición de traxe tradicional que inclúe vestimenta antiga e reconstrucións fieis á tradición a partir da colección do artesán e investigador Yerai Paz. Tamén haberá unha feira coa participación de 37 postos con material vencellado á cultura popular. Acudirán artesáns do tecido, da confección, do calzado, da ourivería, organizacións de festivais, luthiers... Outra das citas destacadas será a foliadiña infantil coa participación de doce agrupacións e escolas de música e baile tradicional, «onde se ve que hai futuro», apuntou Quique Peón. Na cita non faltará a formación coa organización de 15 clases maxistrais. Como novidade haberá unha de pandeireta para persoas con discapacidade e outra de bordado. Non faltarán tampouco postos para comer.

Recoñecemento á muiñeira

Por outra banda, o conselleiro, José López, lembrou que está en marcha o proceso para declarar o baile tradicional como ben de interese cultural na categoría de patrimonio inmaterial, o que prevé que estea listo este ano. Ao fío, Quique Peón reclamou á Xunta que se poñan os medios para que a muiñeira sexa considerada Patrimonio da Humanidade.