Unha agarimosa exposición conmemora na Coruña os 70 anos de Aturuxo difundindo a poesía oral

La Voz A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

A mostra -na imaxe, a presentación- inclúe fotografías, artigos de prensa e documentación da agrupación.
A mostra -na imaxe, a presentación- inclúe fotografías, artigos de prensa e documentación da agrupación. Marcos Míguez

A mostra lembra a presenza das Pandeireteiras de Mens, homenaxeadas nas Letras, dentro da agrupación

09 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa da Cultura Salvador de Madariaga na Coruña celebrou este xoves a apertura da exposición que conmemora o 70.º aniversario da Agrupación Folklórica Aturuxo e a traxectoria dentro deste colectivo das Pandeireteiras de Mens, que este ano son homenaxeadas pola Real Academia Galega (RAG) polo Día das Letras Galegas, recoñecemento que comparten con Adolfina e Rosa Casás e Eva Castiñeira, en representación de todas as cantareiras e da tradición oral. A mostra estará aberta á cidadanía ata o domingo 1 de xuño. «Desde o goberno de Inés Rey estamos facendo un importante esforzo por lembrar e celebrar o traballo das cantareiras, cunha programación das Letras que nos permitirá afondar no importante papel da Coruña no auxe da cultura galega», sinalou o concelleiro Gonzalo Castro.

Co gallo do 70.º aniversario da entidade e da designación pola RAG de catro das Velliñas de Mens (Asunción e Prudencia Garrido, Teresa García e Manuela Lema) para as Letras Galegas 2025, difúndese nesta mostra a actividade de Aturuxo ao longo de décadas de actividade ininterrompida. As Pandeireteiras de Mens participaron como compoñentes do grupo ao longo da súa vida artística de vinte anos.

Esta homenaxe é para estas seis mulleres labregas (Teresa Lema e Adela Rey non son distinguidas pola RAG por non cumprir o regulamento ao levar falecidas menos de dez anos) que do seu mundo rural subiron aos palcos de Galicia, boa parte de España, Portugal, Francia e Arxentina, levando as raíces máis fondas do folclore galego a un público que se amosou abraiado e marabillado coas súas actuacións. A exposición consta de fotos, artigos de prensa, documentación e obxectos da agrupación. Foi, ademais, na Coruña onde por primeira vez actuou un grupo de pandeireteiras, as de Mens, sobre un escenario galego, no Teatro Colón en 1972.