Farrucas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

22 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi no ano 2009 cando gravamos con Luar na Lubre Ao vivo. Tal evento desenvolveuse dúas noites consecutivas no Teatro Colón da Coruña. Foron noites memorábeis por diferentes motivos, das que destaco a participación de tres convidados de luxo: Pedro Guerra, Luz Casal e Diana Navarro. Cada un interpretou dentro do seu estilo unha canción diferente do noso repertorio: Pedro fíxoo con Memoria da noite, un tema con letra do poeta Xavier Cordal sobre a traxedia do Prestige; Luz, co tantas veces versionado e tradicional Camariñas, que na súa voz adquiriu outra dimensión, e, por último, a impresionante e evocadora voz da malagueña Diana Navarro, que con arte cantou/interpretou o tema Romeiro ao lonxe, un coñecido tema tradicional inglés orixinalmente titulado Scarborough Fair que, adaptado á letra do coruñés Xulio Cuba, mestura a ancestral peregrinación ao Santo André de Teixido co drama da guerra civil.

Cada un destes tres temas poderían ser motivo de artigo propio, mais hoxe pararei na curiosidade de como sentín o canto de Diana Navarro na canción que interpretou. Xa nas probas de son previas ao concerto quedamos sorprendidos coa súa espectacular voz e o ben preparado que traía o tema. A letra non é nada doada de memorizar; porén, traíaa perfectamente aprendida, e adaptada de tal xeito que encaixou á primeira. Alén da súa profesionalidade e da sorpresa da súa posta en escena, abraioume o arranxo de voces que intercalaba nalgúns momentos instrumentais. Encantoume escoitar aquelas glosolalias dicindo «treiro, treiro», algo que chamou particularmente a miña atención pensando que podería tratarse dun aceno á nosa terra. Diana Navarro é una extraordinaria cantante andaluza ben coñecedora dos diferentes paus do flamenco. A un deses paus chámanlle farrucas e coincide con que dese xeito é como en Andalucía se coñecían os galegos emigrantes que acababan de saír de Galicia. Unha das coplas máis populares desas farrucas refírese claramente á nosa terra, e, ademais, o emprego da secuencia melódica do tran tran treiro lembra inevitablemente a Galicia. Máis adiante souben da copla: «Una farruca en Galicia / amargamente lloraba / porque a la farruca / se le había muerto el farruco / que la gaita le tocaba».