
O grupo de Carballo publica «Vitoria» no selo Acuarela rodeado de nomes importantes da música alternativa galega
07 abr 2025 . Actualizado a las 12:21 h.Naqueles anos noventa nos que o termo indie se fixou como unha nova categoría que substituía a de alternativo, apareceu un pequeno selo discográfico de gran prestixio na crítica musical e clara vocación outsider. Trátase de Acuarela, a editorial dirixida por Jesús Llorente que impulsou as carreiras de grupos tan importantes na música nacional como Sr. Chinarro, Refree e Manta Ray, ademais de introducir no país numerosos proxectos estranxeiros exquisitos, como The Zephrys, The Clientele e Damon & Naomi.
Moita desa produción formaba parte do imaxinario de Alberto Martínez Vecino, músico carballés que militou en Franc3s. Desde o 2013 lidera Chicharrón, un proxecto que discorre nas marxes da música galega como un ente libre. Con diferentes formacións editou discos tan apreciables como Cancións clínicas (2018), Unha fogueira intacta (2021) e Erosión (2022). Agora vén de publicar un traballo especial. Trátase de Vitoria, un coqueto vinilo de dez polgadas lanzado por Acuarela, que ten moito de encontro daquel vello indie ao final do primeiro cuarto do século XXI.
De entrada está a conexión coa discográfica, claro. Vitoria encaixa co espírito do selo cun son espartano que bebe do slowcore e o dream pop e cuxo acordeón —executado pola poeta Rosalía Fernández, que completa o trío xunto a Mara Pérez— nos leva sempre a unha beleza de tons marróns, entre tabernaria e perdida no bosque. Pero, xunto a iso, no disco aparecen moitos pequenos grandes nomes do indie primixenio galego que agromou entre finais dos noventa e os primeiros anos do presente século. Salvo un tema, que se rexistrou con Matias Unruh (ex Telephones Rouges), o disco gravouse nos estudios Abrigueiro con Arturo Vaquero, quen impulsou o proxecto Humanoid en Lugo. Tamén está na produción e mete pianos Marco A. Maril, quen militou nos seminais Dar Ful Ful de Santiago e logo levou unha interesante traxectoria de culto con Apenino. A portada corre a cargo de Guillermo Arias, deseñador que no pasado fixo cubertas para Nadadora.
Toda esta confluencia supón un reencontro no que flúen os catro temas do EP. A titular, Vitoria, recrea unha historia de amor entre dúas mulleres lesbianas durante o franquismo e inaugura un paseo no que aparecen ecos da historia de Acuarela. Dos acordeóns de Migala á lírica dura de Matt Elliott, pasando polas atmosferas de Piano Magic. Esas sensacións están aí. Tamén a de seguir camiñando á parte de todo.