Ao igual que hai estereotipos culturais que non valen para nada, outros deixaron para a posteridade a semente dun proveitoso debate. Pouco imaxinaba o físico Charles P. Snow, cando, na Universidade de Cambridge en 1959, ditou a conferencia titulada The Two Cultures, que a súa simple clasificación ía sentar as bases dunha aproximación entre (digámolo á española) as ciencias e as letras, cuxa ruptura foi, cando se produciu na segunda metade do século, unha auténtica novidade na historia da ciencia.
Con todo acerto, César Casal lembraba hai días neste xornal que as empresas estanse decatando de que precisan pensamento, ideas, creatividade, cousas que só proporciona a filosofía. Leibniz, Frege, Newton, Spinoza, Hume, Locke, Russell… foron, si, matemáticos, astrónomos, xeómetras, médicos, historiadores pero, ante todo, eran filósofos, porque a filosofía foi, ata converterse hoxe nun grao universitario para unha minoría de frikis, a base, xustificación, método e bastidor de todo xénero de coñecemento. Lin hai non moito no suplemento universitario de certo rotativo nacional que grandes firmas alemás están seleccionando filósofos para os seus departamentos de selección de persoal.
Eu, que, como César Casal, na miña condición de filólogo, formo parte dos letrasados, teño serios problemas para entender que un breve artigo de dez páxinas titulado Medición da proteína co reactivo de fenol de Folin (Journal of Biological Chemistry, 1951) sexa o artigo científico máis citado da historia da ciencia, alá os da «bata branca» entenderán por que. Pola miña parte, sinto que, coa idade, un apracible escepticismo vai apoderándose de min. En 1992 Georges Pérec publicou un artigo (Experimental Demonstration of the Tomatotopic Organization in the Soprano, Revue Française de Science Politique, 42, 1) no que parodiaba, con tanto enxeño como boa intención, a literatura científica. Na bibliografía o artigo inclúe apelidos de «investigadores como» Alka-Seltzer, Chou & Lai e títulos como Synaptic Contacts in the Lily Pons, este asinado por A. Dendritt & B. Haxon. E é que, en tempos de crise do pensamento, rirmos da propia sombra é unha eficacísima terapia.