Nacer en silencio

Juan L. Blanco Valdés

CULTURA

A saga de Tolkien «O señor dos aneis» tivo unha exitosa adaptación cinematográfica da man do director Peter Jackson.
A saga de Tolkien «O señor dos aneis» tivo unha exitosa adaptación cinematográfica da man do director Peter Jackson.

24 feb 2025 . Actualizado a las 11:02 h.

O nacemento da maior parte dos libros é un acontecemento, non direi clandestino, pero de costume discreto e reservado para o autor. Pasado un tempo, mesmo pode ocorrer que un amigo do autor participe a este que mercou o seu libro, sendo probable, e aínda posible, que o autor lle repoña: «Ah, fuches ti!», pois, en efecto, as vendas non responderon exactamente ás expectativas... En révanche, pode tamén acontecer que o nacemento dun libro adquira as tintas dun agresivo hit mediático, á altura dunha multinacional da comunicación. Hai anos, cando Random House Mondadori anunciou Un mundo sen fin, de Ken Follett, o neófito viña en España arroupado de cifras absolutamente descomunais: 555.000 exemplares de tiraxe; 80.000 caixas de libros; 2.000 puntos de venda… Era a segunda parte de Os piares da terra, unha recreación do mundo medieval en transición ao gótico, ao meu xuízo bastante desigual pero dotada dos elementos clásicos do best-seller, capaz de cativar, en consecuencia, a lectores pouco habituais: relato facilón e ritmo cinematográfico, profusión de diálogos, ausencia de profundidade, acción trepidante, elementos máxicos, esotéricos, lendarios habelenciosamente trenzados... Trátase dun deses libros que teñen na entusiasta recomendación de certas persoas unha dubidosa carta de presentación.

Cando Allen & Unwin publicou entre 1954 e 1955 The Lord of the Rings, o editor manifestou a Tolkien a súa desconfianza no éxito do libro, tras a magnífica acollida de The Hobbit (1937), unha novela lixeira e breve, de personaxes, mesmo os máis malvados, edulcorados por unha inxenuidade moi infantil. Fronte a O hobbit, o novo manuscrito tiña máis de mil páxinas e un carácter escuro, de larvada violencia e crueldade, inquietante, moi pouco para nenos, dixeron. Con todo, arriscaron e apostaron pola obra. No mundo precario da posguerra, a carestía de papel obrigou a facer unha edición en tres volumes, de tiraxe modesta e espazada, pulsando a eventual aceptación do público de cada un dos volumes. Hoxe, coa Biblia, o Corán e o Quixote, O señor dos aneis é o libro máis traducido, editado e lido do mundo. E é que os mitos adoitan nacer en silencio.