Fene volve aspirar ao mellor mural do mundo con «Charanguista andino»

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da obra finalista ao mellor mural do mundo «Charanguista andino», que Cristóbal Persona fixo en Fene.
Detalle da obra finalista ao mellor mural do mundo «Charanguista andino», que Cristóbal Persona fixo en Fene. Street Art Cities

Os artistas galegos Diego AS, BubbleGum e Doa OA son tamén finalistas na competición de arte urbana que organiza a plataforma Street Art Cities

09 ene 2025 . Actualizado a las 23:02 h.

Fene volve aspirar ao cetro do mellor mural do mundo con Charanguista andino, unha obra que o artista chileno Cristóbal Espinosa (coñecido como Cristóbal Persona) realizou no marco do Perla Mural Fest. A obra, de arredor dos 17 metros de altura e que amosa o músico tocando o charango [instrumento de corda da familia do laúde, orixinario da rexión sudamericana dos Andes e que se expandiu durante o Virreinato do Perú] en plena interpretación da súa toada, ocupa integramente a fachada lateral dun edificio composto de planta baixa e tres pisos situado nunha beira da estrada que leva a Cabanas.

Elixido segundo mellor mural do mundo do pasado setembro na plataforma belga Street Art Cities —que organiza a competición—, esta elección inclúe a obra entre as 50 candidatas ao título do 2024. A pintura —que homenaxea a cosmovisión das comunidades indíxenas e a súa visión da música como un espazo de expresión fondamente espiritual— tratará de emular outra creación amparada polo festival Perla, A violonchelista de Fene, debida ao artista madrileño Sfhir, que ocupa unha das fachadas do edificio número 64 da rúa da Fraga, que gañou o certame do ano pasado e que ata mereceu selo propio en Correos, nunha tirada de 80.000 exemplares emitida o pasado 5 de novembro. Naquela edición do certame de Street Art Cities, a segunda e a terceira obras clasificadas tamén se fixeron en Galicia: A dona do estuario, de Lula Goce, en Nigrán; e a castrexa Copora que pintou Yoe 33 no número 156 da Ronda da Muralla en Lugo.

O graffiti e o mural cobran peso na cultura popular de Galicia, onde, ademais do Perla, outras vilas como Ferrol, co pioneiro Meninas de Canido; Carballo, co Rexenera Fest; Ordes, co DesOrdes Creativas; Compostela, co Delas Fest; Cambre, co Cromático Mural Fest; Ribeira, co Salmoira Festival Mural; Burela, co Amarte; e Lugo, co Urban Cores, traballan para espallar esta arte e conferirlle a lexitimidade que moitas veces se lle nega —aínda que é certo que a asociación delituosa que levaba antes aparellada parece agora xa cousa superada—.

Diego AS, posando xunto á súa obra «Rompe lo establecido».
Diego AS, posando xunto á súa obra «Rompe lo establecido». Street Art Cities

Ademais do mural fenés Charanguista andino, na listaxe de 50 finalistas hai tres obras de autoría galega, aínda que executadas alén de Pedrafita. O lugués Diego Anido Seijas (coñecido como Diego AS), un habitual nestas lides —gañou no 2022 co seu Julio César—, compite con Rompe lo establecido, que embelece unha das paredes da estación de Linares-Baeza (Jaén).

Detalle do mural «Papaver dubium», de Doa OA, pintado na localidade navarra de Azagra.
Detalle do mural «Papaver dubium», de Doa OA, pintado na localidade navarra de Azagra. Street Art Cities

A lucense de Sober Doa Ocampo Álvarez (coñecida como Doa OA) pelexa co seu mural vexetal das papoulas Papaver dubium, pintado na localidade navarra de Azagra. E Tirso Paz, outro lugués alcumado BubleGum, pugna coa peza Rinascimento, realizada na vila italiana de San Pietro Magisano (Calabria). BubleGum aspira tamén ao premio Artist Choice [de nova incorporación; a selección corre a cargo dun panel de artistas] polo seu mural Ocelote ornamental, que creou na poboación valenciana de Cheste.

«Rinascimento», de BubleGum, realizada na vila italiana de San Pietro Magisano (Calabria).
«Rinascimento», de BubleGum, realizada na vila italiana de San Pietro Magisano (Calabria). Street Art Cities

BubleGum aspira tamén ao premio Artist Choice pola obra «Ocelote ornamental».
BubleGum aspira tamén ao premio Artist Choice pola obra «Ocelote ornamental». Street Art Cities

A obra vencedora decidirase en votación aberta ao público a través da aplicación ou da web Street Art Cities, e o prazo remata o día 31.