Mon Devane abre unha nova etapa creativa como escultor e pintor

La Voz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Devane, retratado este mércores cunha das obras expostas no centro cultural Marcos Valcárcel.
Devane, retratado este mércores cunha das obras expostas no centro cultural Marcos Valcárcel. Santi M. Amil

O muralista ourensán amosa na súa cidade o seu proxecto «Pulpezas»

07 nov 2024 . Actualizado a las 15:02 h.

A carreira profesional de Mon Devane (Ourense, 1985) está vencellada de xeito destacado ao seu traballo co graffiti e como muralista. Neste último terreo ten desenvolvido unha ampla traxectoria, que vai dende a súa participación en eventos e festivais de arte urbana por todo o mundo —Estados Unidos, México, Xamaica, Bolivia, Uruguai ou os Emiratos Árabes, entre outros lugares— á súa presenza no proxecto As estrelas do Camiño, iniciativa de Estrella Galicia desenvolvida no trazado do Camiño Francés, entre O Cebreiro e Compostela. E polo medio foi deixando a súa pegada por toda Galicia: dende o traballo sobre o actor Chechu Salgado en Ourense á súa obra na Casa Labrega de Puxedo (Lobios).

No 2023 Mon Devane creaba o Eloi Devaneiro, unha escultura para os premios que concede o Ourense Film Festival (OUFF) aos novos creadores, e anunciaba a súa intención de seguir incidindo nesa liña de traballo. A nova etapa xa chegou e ten nome propio: Pulpezas, a mostra que se inaugurou na tarde deste mércores no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. Oito esculturas —resina, esmalte e verniz— e oito cadros —spray, acrílico e óleo sobre liño— compoñen este proxecto que toma ao polbo e os seus tentáculos «como inspiración, marca e identidade».

«Tiña gañas de abrir unha nova etapa no meu traballo, xa o anunciara cando fixen a peza para o OUFF, e o que propoño neste proxecto é unha mestura de conceptos. Hai referencias ao que teño feito nestes anos e polo que se me coñece —e aí está o máis básico, como letras ou tags propios do graffiti— e ao mesmo tempo á cerámica tradicional galega, que é algo polo que sempre tiven paixón e que se reflexa nestas esculturas», sinalaba o autor nas horas previas á apertura da mostra.

O artista Mon Devane (Ourense, 1985), posando cunha das súas pezas.
O artista Mon Devane (Ourense, 1985), posando cunha das súas pezas. Santi M. Amil

A tradición e as marcas de referencia na creación galega tamén son aspectos destacados á hora de falar da orixe de Pulpezas: «A min sempre me gustou a cultura tradicional galega, as figuras de Sargadelos, Galos ou Regal —entre outras— e as referencias a oficios tradicionais e costumes. E nestas pezas que toman ao polbo como referencia fun creándoas de forma individual, moldeando unha a unha e intervindo despois sobre elas». Entre os aspectos que destacaba Mon Devane da súa mostra no Centro Cultural Marcos Valcárcel é que esta exhibición está chamada a converterse nun punto de inflexión na súa carreira. «É a miña primeira exposición, faise nun centro cultural de relevancia e, por riba, na miña cidade».

Devane foille dando forma ás súas propostas en colaboración cun deseñador gráfico e de aí saíron as pezas iniciais en resina. «Nunha segunda fase chegou á vandalización por medio do graffiti. Pulpone, o meu alter ego, foi o encargado de realizar a intervención. Tanto nas esculturas como nas pinturas. E o resto é polbo á feira».

O artista compaxinará a partir de agora a creación de murais co traballo de estudio.