Aínda que todos os meus devanceiros son de interior, a min tocoume nacer á beira do mar. Foi que cheguei a este mundo no hospital materno-infantil Teresa Herrera da Coruña, ao pé da ría do Burgo, nas Rías Altas e dentro do denominado golfo Ártabro. Así pois, proveño de ancestrais do interior, pero a miña xenética xa ten un aquel de salitre e de fonda querenza oceánica. E é que cando me preguntan se son de mar ou montaña, digo que non querería vivir sen poder percorrer e gozar da marabillosa Galicia interior, pero son máis costeiro. Foron máis de 40 anos vivindo na cidade da Coruña e xa case que 20 fronte ao mar de Arteixo, e algo vai quedando no meu ADN. A costa galega ten unha extensión de 1.498 quilómetros, e son dos que pensan que é un auténtico paraíso malia o estrago ao que é sometida dende hai tempo. O relevo desta costa está cheo de matices e de particularidades que a fan única na península ibérica, e atrévome a dicir que no mundo. Deberiamos ser conscientes do que significa posuír un patrimonio natural así e, dende o máximo dos respectos, procurar coñecelo e desfrutalo en todos os seus aspectos, xa que quizais dese xeito valorariámolo moito mellor. Non hai moito estiven paseando pola ría do Barqueiro en Mañón; norte estremeiro das provincias da Coruña e Lugo. Un lugar paradisíaco onde me deu por pensar no resto das rías galegas que tamén xa teño visitado. Dende a impoñente, longa e poboada ría de Vigo até a fronteiriza e marabillosa ría de Ribadeo, compartida con Asturias, cada unha destas 18 peculiaridades xeográficas da nosa costa ten as súas características ben definidas, tanto dende o punto de vista ecolóxico coma pola incidencia do home, que non sempre é positiva ou favorable. Nesa ampla franxa costeira galega, tamén inzada de enseadas, badías, penínsulas, tómbolos, cabos, complexos de dunas ou o espectacular golfo dos Ártabros, que abarca o conxunto de rías entre A Coruña e Ferrol, é imposible non fascinarse. Sen esquecer a cantidade de patrimonio inmaterial relacionado con lendas, historias e tradicións que existen en cada recuncho desta franxa que perfila a nosa terra. Unha marabilla!