21 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O domingo 16 inaugurouse en Tui unha magna exposición co título A nosa memoria silenciada, mostra na que se repartiu un catálogo do que debo salientar o capítulo final titulado Vítimas mortais do franquismo no Partido Xudicial de Tui. Elaborado por Helena Pousa Ortega e Xosé Paz Antón, rexistra 465 mortes, cifra que, en principio, abraiará a lectores pouco familiarizados coa represión chamada do 36, a que inspirou os dous excelsos álbums de denuncia de Castelao titulados Galicia mártir e Atila en Galicia.

É certo que, neste tráxico cómputo de fusilados, paseados, desaparecidos... non son poucos os republicanos foráneos (de Asturias, cataláns...) que morreron, de morte morrida ou matada, no campo de concentración de Camposancos (A Guarda). Aínda así, as vítimas mortais do distrito xudicial tudense foron moi numerosas, algunhas delas mulleres (Florentina Fernández Alonso, Evangelina Jaso, Eufrasia Silva). Tamén hai nomes de gaseados nos campos nazis (o guardés Ángel Gómez Cortés). A lista arrepía.

De moitos temos moi escasas noticias, aínda que de algúns, como do filantrópico doutor Darío Álvarez Limeses (1877-1936), coñecemos, mesmo, escritos seus cando xa fora condenado a morte. Falando del, o seu fillo Darío Álvarez Blázquez, tamén médico, afirmou: «Tuy fue la ciudad más castigada de toda la retaguardia gallega durante la guerra civil». Tamén temos algunhas noticias sobre o albanel da CNT Manuel Estévez Gómez (1902-1937), de quen conservamos un texto antolóxico: a carta que escribe á muller e aos fillos días antes da execución. Este menestral, que case non fora á escola, é capaz de escribir, nesa carta testamentaria, dirixíndose á filla maior: «A ti especialmente, Emilia, que eres la mayor, que ya te vas dando cuenta de la vida, sabes por qué me matan todos esos canallas que se llaman representantes de la justicia. Pues te diré que me matan por ser bueno, por querer que vosotros no padezcáis hambre y no andéis descalzos… Y por esos canallas os dejo en la más espantosa miseria».

Cando, nos centros escolares tudenses, figurará, como lectura aconsellable, esta carta?