Vivos e mortos

CULTURA

18 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi rebuscando na colección de imaxes que teño como lembrei de novo as danzas macabras. Nelas bailan os vivos e os mortos xuntos así como tamén os ricos e os pobres. Papas, bispos, emperadores, labregos ou mariñeiros participan nese ritual coa morte como compañeira e protagonista principal. Un bo xeito de lembrarlles aos vivos, sexa cal sexa a súa condición social, de que o fado vai ser común para todos. A meirande certeza desta vida é que imos morrer e esas danzas macabras son a representación dunha realidade intransferíbel. Nesas representacións pictóricas, fascíname ver a instrumentación empregada polos músicos que amenizan eses bailes, en bastantes ocasións, as gaitas, un instrumento moi popular no medievo. Hai a quen lle arrepía ver estas imaxes. O mundo actual está adecuado a un xeito de vida de costas á morte focalizado nos aspectos vitais da xuventude. Mais con todo, os galegos temos unha sorprendente e familiar maneira de relacionarnos coa morte. Xa algúns clásicos chegaron a dicir que este era o país dos mortos, e non ían nada descamiñados.

Aquí é onde morre o sol. As terras do solpor continental europeo onde os vivos e os mortos convivimos inmemorialmente con total normalidade. Onde os mortos se velaban nas casas con celebracións e rituais como o do ancestral abellón (unha vella danza arredor do cadaleito).

Estamos nunha das poucas partes do mundo onde os camposantos están dentro dos mesmos lugares onde moran os vivos, e aquí é onde eses mesmos mortos, segundo di a tradición, pasean polas corredoiras e rueiros. Así é dende tempos ben antigos do mesmo xeito que sucede nalgunhas outras culturas do planeta. Nós mantivemos esa extraordinaria relación coa morte que nos últimos tempos foi transformada en medo, rexeitamento e distorsión. Somos os habitantes do occidente e estamos na fronteira dos mundos visíbeis e invisíbeis; así vén expresado nas nosas propias tradicións, e iso non está en contradición con que o noso paso pola vida non deba ser gozoso como así é. De todos os xeitos, pola súa peculiaridade, a nosa relación co alén nas súas múltiples variantes poucos adoitan entendela. Mentres tanto, que prosiga a danza.