Coa perspectiva dos anos, un relembra vivencias do pasado aplicándolles unha brillantina seguramente esaxerada. Dicía Shanti Andía, o vello lobo de mar, que non había para el cousa máis antipática que lembrar os anos da escola, onde todo eran ordes, absurdas obrigas, humillacións e labazadas. Ben en troques, a min ocórreme exactamente o contrario. Aqueles días da nenez, malia vividos nunha ditadura que fedía a sotanas e mexo seco, vístense dourados e felices na lembranza. Corría o ano 64 ou 65 cando eu, nos parvulitos, cunha mestra, dona Agripina, bondadosa como unha nube de algodón doce, comezaba un longo percorrido escolar. Veu logo a primaria no grupo escolar José Antonio, o bacharelato no Instituto de Ensino Medio e, por fin… a universidade! Un soño cumprido.
Cando su excelencia el generalísimo pasou a mellor vida —tanta paz levara como descanso deixou—, eu andaba en quinto ano do antigo bacharelato (seis+COU), de xeito que cheguei a Santiago de Compostela no outono do 77, reinando a UCD de Adolfo Suárez, que arrasara nas primeiras eleccións libres do país, en xuño anterior. A venerable casa de exercitantes da praza de Mazarelos, dende pouco antes reconvertida en Facultade de Filoloxía, agardábame coas portas abertas, non sen recibir diariamente a adusta mirada estatuaria de don Eugenio Montero Ríos. A carón da miña querida facultade, igrexa dos xesuítas por medio, obraba o impoñente edificio da Universidade, na praza do seu nome, daquela xa sede da Facultade de Xeografía e Historia. Dalí saían naquela altura, nomes que nutrían a mitoloxía universitaria doméstica: Alonso del Real, Balil, Otero Túñez, Lucas, Eiras Roel…, nomes que para un imberbe bacharel desembarcado en Santiago transcendían a arrecendos de lenda.
Agora, cen anos despois da actividade fundacional dos pioneiros, un volume, dirixido polo historiador Ramón Villares e editado polas prensas universitarias compostelás, celebra en 300 páxinas o centenario dos estudos de Historia na universidade, facendo balance do pasado, non como exercicio de nostalxia senón sentando os alicerces do futuro. Para aquel imberbe bacharel é un privilexio ter contribuído á construción deste volume, unha íntima homenaxe a tantos nomes beneméritos da nosa alma mater, da nosa casa común.