Jaione Camborda: «Bebo moito do cine de autor e do cine experimental»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Jaione Camborda resolveu todas as dúbidas expostas polos alumnos nas Xociviga.
Jaione Camborda resolveu todas as dúbidas expostas polos alumnos nas Xociviga. Santi M. Amil

A directora de «O corno» falou das claves da película nas xornadas Xociviga

20 dic 2023 . Actualizado a las 23:57 h.

Camiño dos seus corenta anos de historia, naceron en 1984, as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (Xociviga) iniciaron este mércores as súas actividades e fixérono coa protagonista do ano no cinema galego. Jaione Camborda, a directora de O corno, aceptou o reto de participar nun coloquio con alumnos de centros escolares do Carballiño para falar das claves da película que lle valeu a Cuncha de Prata en San Sebastián e o fito histórico de ser a primeira muller en acadar o galardón.

No auditorio Manuel María agardaron coa curiosidade nos ollos os alumnos dos institutos Chamoso Lamas e Nº 1, dos colexios Vila do Arenteiro e Sagrado Corazón e do CEIP Terras de Maside. O dato anecdótico, que como non podía ser doutro xeito abrollou ao longo da conversa, é que a só tres quilómetros de onde se celebrou o encontro está Dacón, a parroquia de Maside que foi o auténtico epicentro do cornello —como se lle chama na zona ao fungo do centeo que se coñece noutros lugares como caruncho, cornizó ou dentón— e do estraperlo que fixeron gañar unha morea de cartos aos veciños do lugar.

Amosou a súa curiosidade a directora por ser, dixo, a primeira vez que ten a sorte de estar cun público desta franxa de idade: «Interésame saber que pensades tras ver o filme. E non esquezades que non hai preguntas erróneas», animou. Meu dito, meu feito: as demandas foron deseguido e a directora achegou todas as claves e informacións solicitadas.

Ambivalencia do título

Sinalou Jaione Camborda que lle resultou atractivo apostar polo título. O fungo do centeo ten aspecto de corno «e o nome tamén fai referencia ao das vacas, a presenza delas e dos animais é importante na película e por iso me decidín», sinalou. Lembroulle aos rapaces que se trata dunha historia de ficción, aínda que toma como base moitas testemuñas e a realidade dos métodos abortivos que había na etapa na que está ambientada —anos 70 do pasado século—. «Todo o que ves na vida inflúe e tes que deixar que os teus ollos se pousen nas cousas bonitas, e tamén nas malas obviamente. Bebo moito do cine de autor e do cine experimental, aínda que esta última definición poida ser ambigua. O que me interesa é un cinema no que todas as artes dialoguen: a actriz é bailarina, coidamos moito a parte pictórica —ía co director de fotografía ao museo para ver a luz e as cores—, o son era moi importante, o mesmo coa música, que inclúe dende temas galegos ao fado de Amália Rodrigues», detallou cando se lle preguntou polas súas fontes de inspiración.

Mulleres que se axudan

En relación á famosa anécdota dos desmaios no pase de San Sebastián, sinalou que influíron a calor que ía no cine e unha das características da súa obra: «Gústame traballar co que non se ve, co que está fóra do campo. O fóra de campo deixa á imaxinación do espectador a historia e o relato. Hai moitas cousas que adiviñas, pero non están. Non se fala da ditadura, da igrexa, do patriarcado... mais son aspectos que se viven e se palpan na atmosfera da película. E iso crea moita tensión».

Reiteroulle aos alumnos do Carballiño e Maside o que xa ten comentado noutras ocasións —«non podería ter rodado a escena do aborto tal e como fixemos se non tivese parido»— e incidiu de maneira especial na sororidade que define a O corno. «Quixen incidir na faceta dos coidados, nesa sororidade que facía que en pleno estado de prohibición se vise que era necesario apoiarse para sobrevivir. A esencia da película é esa cadea de mulleres que se axudan», sinalou Camborda.

Na treboada de preguntas do encontro a directora abordou todos os aspectos plantexados. O compromiso co idioma e a aposta por rodar en galego e portugués, os catro anos que botou día a día traballando no proxecto para sacar adiante a película, a necesidade dunha historia do cinema contada por mulleres, as localizacións, o que custou atopar a unha das actrices —chegada dende unha pequena aldea de Castela e León— e outras circunstancias centraron o debate.

Tamén resolveu a incerteza dunha rapaza: «Non, non haberá segunda parte. Quixen facer unha historia cíclica e pode dar esa impresión, pero non é esa a miña intención», advertiu.