O festival de creación contemporánea Vertixe 11 enche o Marco vigués de «hardcore sonoro e brutalidade ruidista»

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Pablo Coello (saxofóns baixo e barítono) e Iván Ferrer-Orozco (medios electrónicos) actúan no museo vigués Marco.
Pablo Coello (saxofóns baixo e barítono) e Iván Ferrer-Orozco (medios electrónicos) actúan no museo vigués Marco.

O proxecto promove nove concertos e unha miríade de residencias artísticas, actividades e conferencias espalladas por Vigo, Pontevedra e Compostela, axitando un outono cargado de músicas de vangarda

13 oct 2023 . Actualizado a las 23:05 h.

Os dous membros do colectivo Vertixe Sonora, Pablo Coello (saxofóns baixo e barítono) e Iván Ferrer-Orozco (medios electrónicos), desenvolverán na tarde deste sábado, ás 19 horas, no Marco vigués, o seu espectáculo Corrosion resistance, que encherá os espazos do museo de «hardcore sonoro e brutalidade ruidista». A sesión dá continuidade ao festival de creación contemporánea Vertixe 11, que comezou o domingo 8 de outubro no Auditorio Martín Códax de Vigo cun encontro musical que convidaba a reflexionar sobre o feito poscolonial e a práctica artística como exercicio que constrúe a convivencia, cun programa de estreas mundiais de compositores españois e africanos. A nova edición do festival promove nove concertos e unha miríade de residencias artísticas, actividades e conferencias espalladas por Vigo, Pontevedra e Compostela, axitando un outono cargado de músicas de vangarda.

A corrosión como produto da acción dunha substancia sobre outra, como «proceso natural e espontáneo que tende a devolver os materiais á súa forma de maior estabilidade ou menor enerxía interna», é o leitmotiv da sesión de hoxe no Marco, na que Coello e Ferrer-Orozco interpretarán Art of Metal II (2007), de Yann Robin; Insight (2023, estrea absoluta), de Víctor Ibarra; e Corrosion resistance (2018), de Iván Ferrer-Orozco.

O festival continuará o domingo 22 de outubro, ás 20 horas, no Auditorio Martín Códax, co proxecto Import/Export, no que Gustavo Castillo (barítono), Carlos Cordeiro (clarinete), Sara Chordà (violonchelo), Diego Ventoso (percusión), David Durán (piano), Pablo Coello (saxofón), Nuno Pinto (guitarra eléctrica) e Ferrer-Orozco (electrónica) traerán no atril catro estreas mundiais que enfatizan linguaxes que poñen en xogo os novos medios, a tecnoloxía e as tradicións transdisciplinares (teatro musical, escultura, instalación sonora, arte multimedia e outros). Nun programa comisariado por Jorge Elizondo, achegarán varias experiencias multimedia da escena de vangarda austríaca.

O venres 27 de outubro, tamén no Auditorio Martín Códax, o grupo madrileño Plural Ensemble interpretará obras de compositores como Carolina Cerezo, Félix Ibarrondo, Aarón Esteve e Tomás Bretón.

O domingo 29 outubro, no museo Gaiás, andar -1, presentan a ópera de Miguel Azguime (Lisboa, 1960) Un riso para chorar.

Tres concertos máis poñerán o ramo ao Vertixe 11 o sábado 11 de novembro no Auditorio Martín Códax (coa estrea mundial de obras de Sina Fallahzadeh e Barblina Meierhans). E xa no Marco, ese mesmo sábado, as madrileñas Edith Alonso (electrónica) e Elena Juárez (visuais) poñerán en escena a súa proposta Liminaris; e o domingo, o violinista Roberto Alonso, gran instigador a nivel internacional do uso de procesos de intelixencia artificial en contextos sonoros, presentará a distopía ciberpunk Archon.