Francisco Coimbra ambienta en Macau unha historia chea de contrastes
06 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Unha muller galega arriba ao porto de Macau para visitar a súa filla, á que lle leva como agasallo unha saca de patacas. O que ignora é que pataca, na antiga colonia portuguesa e hoxe territorio chinés, pode ser un tubérculo, pero tamén a moeda de curso legal. Axiña corre o rumor entre a poboación local que se dedica a depenar aos turistas da chegada dunha rica estranxeira.
Esta é a premisa de partida de Unha saca de patacas (Xerais), unha novela de Francisco Coimbra (Madrid, 1986) que tivo nesa coincidencia semántica a súa faísca inicial. «Matinei en como facer esa confusión evidente, en cales circunstancias alguén podería trocar un saco cheo de balocas por un saco cheo de diñeiro», explica o autor. Macau foi o escenario elixido, converténdose case nun personaxe máis do libro.
Ese protagonismo non é alleo ao seu réxime administrativo especial para o xogo. «Un dos temas principais da novela son as contradicións flagrantes do tempo que vivimos e Macau erguíase coma un punto de confluencia entre moitas delas. O feito de tornarse un verdadeiro monumento ao gasto absurdo e descontrolado do capitalismo (con todos aqueles casinos e hoteis de luxo) dentro de un país que se di de economía planificada e comunista é unha desas contradicións e os personaxes fan as súas vidas (cando non simplemente intentan sobrevivir) nas marxes que eses sistemas económicos e sociais lles deixan segundo a condición de cada un deles», segundo o escritor.
Outro tema ten que ver coa «posición de Macau dentro da chamada Lusofonía». «De certa forma, Galicia e Macau son dúas rexións con profundos azos cos países lusófonos por motivos moi diferentes. Galicia fica na puntiña occidental da Eurasia e Macau no extremo oposto, interesábame abranguer esas xeografías, a priori tan arredadas e dispares, a través das traxectorias dos personaxes que poboan a novela», debulla Coimbra.
Xa que logo, a presenza da lingua galega é esencial alén das coincidencias semánticas: «Unha lingua aberta a súa diversidade interna e aínda ao seu diálogo con outras linguas, quer próximas, coma o portugués, quer afastadas, coma o mandarín e mais o cantonés». Os personaxes caracterízanse tamén por como falan, sexa un galego fortemente influído pola oralidade, sexa portugués de diferentes normativas, europea, brasileira e mozambicana. Unha pluralidade que tamén axuda a reflexionar, a través do estrañamento, sobre ese «tesouro común» que é a lingua. «Nun parágrafo da novela dise que a lingua que falamos foi de moitos denantes de nós, por iso nós somos os depositarios da lingua, non os donos. Definitivamente a lingua é unha das grandes forzas que me moven como narrador», di Coimbra.
Académico e escritor
Esa forza ten unha ancoraxe profesional, xa que o escritor é profesor universitario de linguas románicas en Múnic, e hai unha viaxe ida por volta entre a creación literaria e a mirada académica, que non exclúe a autoironía: «Nas miñas investigacións na universidade, interésome polas políticas lingüísticas, polas diferentes relacións que se establecen entre linguas e variedades dentro da perspectiva sociolingüística, entre outras cuestións; pero a literatura me permite abrir unha reflexión que non podería facer en termos meramente científicos ou académicos. Nesta novela, temos a trama principal que se desenrola arredor da saca de patacas, dos que a queren roubar e dos que buscan protexela, pero paralelamente se fai referencia a un congreso de lingüistas que está a acaecer na universidade de Macau. Hai bastante autoironía nalgunhas partes en relación coas voces dos científicos, dos académicos, que moitas veces abordamos as linguas esquecendo as comunidades que as falan».
Pero tamén garda relación coa propia experiencia biográfica e persoal do autor, quen tivo o seu primeiro contacto coas permeables e sutís fronteiras lingüísticas no lugar de orixe do seu pai, no concello zamorano de Gallegos del Río e moi preto de Portugal. «Nós iamos alí pasar todos os veráns —lembra o escritor— cando eu era neno para coidar da miña avoa. Crecín escoitando palabras como rapaz/a, marchar, devagar, colo, menciña, dondio, dúas (com forma feminina do numeral), bolso (para o castelán bolsillo) etc. Galego normativo non era pero castelán normativo tampouco, as fronteiras das linguas son bastante máis sutis e difusas ca os mapas que as representan. Marabilloume a descuberta da literatura galega máis tarde, cando estudei filoloxía románica na Complutense. Tamén fixen cursos de galego na Universidade de Santiago e vivín moitos anos no Brasil. Foise construindo un elo profundo coa Galicia física e mais coa Galicia exterior que mora nas páxinas da nosa literatura e que se pode abrir en São Paulo, Bos Aires, Múnic ou Macau. Ese vínculo invisíbel, mais, porén, certo, está no espírito desta novela. De feito, o libro ten algúns anacos de inspiración autobiográfica, coma os apelidos da protagonista (Salvador e Veiga) que eran os da miña avoa».
Isto desembocou nunha escolla « consciente e premeditada» do galego como lingua literaria: «As historias que narro están vencelladas no seu ámago á lingua que emprego para as contar. O xogo entre a pataca tubérculo e a paraca moeda funciona en galego e esixiría unha longa explicación en calquera outra lingua para a cal o quixésemos traducir. En 2016, cando Crónica Córnica quedara finalista do Premio Xerais e saíra publicada, algunhas persoas me fixeron a mesma pregunta: por que en galego? Entendo o a curiosidade que o feito da orixe xeográfica poida suscitar e non a critico, no entanto me pregunto se alguén fixo (ou fai) ese tipo de preguntas a escritores de orixe xeográfica galega que escolleron o castelán para escribir as súas obras (coma Torrente Ballester por falar de clásicos)». «Coido que todos deberíamos ser máis conscientes do patrimonio lingüístico compartillado (con independencia dos lugares de nacemento ou de residencia) e da potencia poética do galego. A meu ver, esa conciencia e esa potencia son dúas ferramentas importantes para a valorización da nosa lingua», conclúe.
De comedores de patacas a «lectores» de patacas
Na súa escolla pola pataca, coimbra tamén é consciente da importancia que ten o tubérculo na cultura galega. «Seica a pataca é un dos elementos culturais máis fondos na cultura galega e nas outras culturas atlánticas, coma a irlandesa», di o escritor. «As patacas están presentes na nosa literatura dende a poética de Rosalía (algúns dos seus versos aparecen na novela) até a narrativa de Manuel Rivas. De feito, a protagonista da novela leva esa saca chea de patacas como un agasallo da terra para a súa sobriña, case como un anaco do país. Esa vinculación coa terra, co rural, coa cultura material máis inmediata contrasta co significado da pataca moeda, abstracto e simbólico, subliñando unha vez máis as contradicións e os contrastes desta historia. Non teño dúbidas de que a presenza das patacas tubérculos, gardados coma un tesouro nunha saca mesta, evocará moitas lembranzas nas lectoras e lectores consonte as súas historias persoais. Galicia é unha terra de comedores de patacas e espero que tamén sexa de lectores de patacas».