«Luz na Terra», a proba da alta cultura do Seminario de Estudos Galegos

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Ramón Villares, comisario da mostra, ante a imaxe da xuntanza xeral do Seminario de 1926.
Ramón Villares, comisario da mostra, ante a imaxe da xuntanza xeral do Seminario de 1926. Paco Rodríguez

A exposición inaugurada no Gaiás e comisariada por Ramón Villares amosa o papel transformador da entidade creada hai un século

05 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia de Galicia do século XX e adiante sería ben distinta se no ano 1923 non xurdira o Seminario de Estudos Galegos (SEG), institución que deixou un legado literario, artístico e científico excepcional e que, como ben indica a data da súa constitución, cumpriría agora cen anos de actividade se non fora desmantelada como tal en 1936. Para lembrar a súa transcendencia, Galicia acollerá distintas iniciativas conmemorativas, entre as que destaca a exposición Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura, organizada pola Xunta e que, desde este martes, estará aberta no Museo Centro Gaiás de Santiago ata xaneiro do 2024.

A mostra fai un percorrido histórico e interdisciplinar sobre a institución.
A mostra fai un percorrido histórico e interdisciplinar sobre a institución. Paco Rodríguez

A mellor proba da valía do Seminario de Estudos Galegos é que figuras como Fermín Bouza Brey e Xosé Filgueira Valverde, daquela mozos universitarios en Compostela, formaron parte do núcleo fundacional daquel proxecto, ao que tamén se sumaron poucos anos despois Castelao, Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Risco, Asorey, Ánxel Casal, Isidro Parga Pondal e Ramón María Aller, entre outros.

A mostra está comisariada polo historiador Ramón Villares, un dos herdeiros de referencia da semente do Seminario e que no acto da súa presentación definiu o SEG como unha «fermosa irmandade» que combinou con éxito «a potencia da xuventude e a sabedoría da vellez, sen a petulancia dos mestres e sen radicalismo dos novos». Esta filosofía, que fuxía do ensino memorístico, apostaba polo antiacademicismo e loitaba contra os compartimentos estancos do coñecemento, está moi presente na concepción da mostra, que ofrece un percorrido cronolóxico pola historia do Seminario de Estudos Galegos contextualizando a súa existencia en analoxía con outros centros de estudos de España e de Europa.

Tamén amosa a idea da necesidade dos seus impulsores «de andar por fóra e de dar a coñecer Galicia», segundo engadiu Villares no seu discurso, no que tamén lembrou que boa parte do legado do SEG foi transferido a outras institucións, como o Instituto de Estudios Padre Sarmiento, o Museo do Pobo Galego ou un renacido Seminario impulsado por Isaac Díaz Pardo.

Detalle da inauguración da mostra aberta no Gaiás.
Detalle da inauguración da mostra aberta no Gaiás. Paco Rodríguez

No acto institucional participou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que sinalou que a Galicia de hoxe «é filla desa luz que eles, os precursores do Seminario, acenderon e que aínda hoxe continúa orientándonos neste país tan diferente ao que eles viviron pero, ao mesmo tempo, tan semellante nos valores culturais máis fondos».

A exposición vén acompañada dunha publicación, avalada e liderada por Ramón Villares, que complementa o seu catálogo e que pode considerarse un dos documentos de referencia editados ata o de agora sobre o SEG. Neste traballo participan figuras da comunidade científica, cultural e académica de Galicia, referentes herdeiros daquel xerme dunha institución que mudou a historia galega e que agromou o 12 de outubro de 1923 cunha camiñada fundacional ata a Casa Grande de Ortoño, recoñecida daquela como a vivenda onde Rosalía de Castro pasou a súa infancia.

O título central da mostra, Luz na Terra, é unha alusión do propio Castelao nun debuxo da escultura de Isaías do pórtico da Gloria, publicado o 4 de novembro dese mesmo ano e referido á fundación do Seminario de Estudos Galegos, do que o intelectual deseñou o seu emblema.

Trece anos de actividade e vangarda cultural e científica

A exposición está estruturada en dez espazos que ocupan boa parte dunha das plantas do Museo Centro Gaiás, xa que nela poden verse desde pezas artísticas de gran valía, traballos de investigación de aspirantes a socios do Seminario de Estudos Galegos e unha escolma de obxectos e documentos que permiten coñecer moi polo miúdo o labor do SEG, que tiña como consigna a frase «Saber Galicia».

A exposición inclúe espazos sobre arqueoloxía, ciencias, etnografía...
A exposición inclúe espazos sobre arqueoloxía, ciencias, etnografía... Paco Rodríguez

O percorrido comeza cunha aproximación sobre as orixes da entidade e os seus Tempos fundacionais. Segue co apartado A vida no Seminario, no que se dá conta de que pola institución pasaron douscentos socios dos que só dezaoito foron mulleres. Co Traballo do Seminario, a terceira parte da mostra, explícase o seu modelo educativo con tarefas de investigación organizadas por seccións de traballo interdisciplinares, con temáticas sobre arqueoloxía, etnografía, historia e ciencias. As investigacións pioneiras neste último ámbito, nomeadamente no eido da xeoquímica, a astronomía e a agricultura, permitiron crear un observatorio astronómico, abordar o estudo da lingua, crear o mapa xeolóxico de Galicia e incorporar a muller aos equipos de investigación científica.

As Xeiras como investigacións de campo foron o elemento máis emblemático do SEG, que lle permitiu cumprir con ese obxectivo de «saber Galicia». A reivindicación do idioma, a difusión dos seus estudos e as relacións externas, sobre todo con Portugal, están analizadas polo miúdo na mostra, na que tamén se destaca o papel da entidade a favor do Estatuto galego. A información sobre a fin do Seminario en xullo de 1936 e os intentos de recuperar a súa actividade, mantendo a filosofía multidisciplinar, pechan a exposición, que merece e precisa máis dunha visita.