Pablo J. Rañales, gañador do premio Illa Nova: «'Os afogados' supón a miña transformación como neofalante»

Lucía Blanco / H.J.P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Pablo J. Rañales é o gañador do VII Premio Illa Nova.
Pablo J. Rañales é o gañador do VII Premio Illa Nova.

O escritor mugardés trata na súa primeira obra en galego temas como o discurso de odio, as relacións humanas ou a vinculación coa paisaxe

15 jun 2023 . Actualizado a las 05:15 h.

«Unha homenaxe a como somos capaces de vincularnos e proxectarnos na paisaxe galega». Así resume Pablo J. Rañales (Mugardos, 1999) a súa obra Os afogados, gañadora da sétima edición do premio Illa Nova de narrativa para menores de 35 anos. O xurado do galardón, que convoca a editorial Galaxia en colaboración con Ámbito Cultural de El Corte Inglés, valorou a capacidade do escritor para manter a tensión narrativa nunha trama equilibrada na que o feito fantástico vai máis alá dunha personaxe e se presenta coma un suceso que atravesa todo un imaxinario xeográfico. 

«Tiña na cabeza unha figura feminina que xurdía na praia de Ares que se sumou a que imaxinaba a que debaixo das rías galegas o que había eran ruínas de civilizacións que non coñeciamos», conta Rañales. A transformación desas dúas imaxes foi o punto de partida dunha distopía que afonda en temáticas como as relacións humanas, o medo ou o discurso de odio, entre outras. «Que as plataformas das redes procuren a viralización e non tanto a calidade dos contidos é algo que nos afecta mesmo en termos democráticos. Na obra xogo con iso, o que pasa é que en vez de situalo nun colectivo como o LGTBI+ ou o das mulleres, o que fago é situalo nun colectivo propiamente natural».

A novela é a primeira do autor escrita en galego, unha decisión na que tivo moito que ver a súa estadía no estranxeiro. «Despois dun Erasmus en Praga, comecei a fixarme en como a poboación entendía a súa cultura, ese foi o gran cambio. Deime de conta que vencellarme co galego é vencellarme coa cultura e coa identidade galega e esta novela tamén representa a miña transformación como neofalante». 

Linguaxe inclusiva

Co protagonismo constante da paisaxe, o estilo depurado, con diálogos directos e sen artificios, tamén foi clave na decisión do xurado. «Tiña moi claro que buscaba unha voz narrativa moi potente, por iso traballei moito para controlar ao máximo as expresións e as reiteracións. Quería que tivera unha cadencia distinta», relata. Ademais, apostou polo emprego dunha linguaxe inclusiva. «É o que máis xustiza fai ao concepto dos afogados, das afogadas e dos afogades, non teñen xénero, porque a natureza en ocasións é así de complexa. Tiñan que ter esa forma de romper cos moldes que o ser humano en ocasións semella construír». 

O xornalista recoñece que na súa escrita obra tivo moito que ver o novelista Jorge Carrión, un dos seus grandes referentes. «Descubrín con el que as narrativas non están só na literatura, que poden estar nun fío de Twitter, nun videoxogo, nunha película... e que como autor podes beber diso e aplicalo á literatura», incide. Pero a influencia da súa formación como xornalista tamén deixa a súa pegada: «Eu defendo un xornalismo desde a interpretación. En ocasións, Os afogados tamén semellan ter unha parte de investigación xornalística e outra de pseudoensaio».

Rañales, que xa conta con dous títulos publicadosSiervos de tinta (2021) e En la chepa del busero (2023)—, é consciente de que forma parte dun «mundo moi opaco, que esixe tempo, paciencia, traballo e no que é moi difícil saber se o estás facendo ben». Por iso, o recoñecemento quítalle moitos medos. «Cando chega un xurado que por cuestións técnicas valida a túa propia produción, o primeiro que fas é respirar. Quítache moito de enriba o síndrome do impostor, que, cando estamos comezando, é o que temos que facer. Iso e respectar a literatura».