As cruces de Westminister

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

A pedra do destino, no castelo de Edimburgo.
A pedra do destino, no castelo de Edimburgo. DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

25 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

cada paso, vexo menos televisión. Tan só en contadas ocasións podo ver algún programa de carácter informativo ou documental; tamén algunha películas ou serie, e nada máis. Nestes días pasados era imposible non ver algunha pasaxes da pomposa e rimbombante coroación do novo Rei do Reino Unido e da mancomunidade de nacións que aínda están nesa órbita. O bombardeo dos medios foi tan grande que puxera o que puxera, nalgún momento pasaba pola aparición das súas graciosas maxestades ou algo relacionado con toda esa monárquica cuestión. Non simpatizo en absoluto con toda esa pantomima nin con nada que teña que ver co aparato ostentoso que o arrodea pero si me gustan o arte e a historia, e niso foi onde quedei parado. Sabía do relato da Pedra do Destino ou de Scone, da que se di nunha pasaxe do xénese bíblico que Xacobe apoiara a súa cabeza para descansar, que durmiu, e soñou cunha escaleira que subía ata a morada de Deus. Tamén sei da súa relación con Galicia e do seu paso pola cidade de Brigantia, e que dende aquí foi levada a Escocia onde se coroaban os seus reis, e que dende finais do século XIV, e despois de roubárllela aos escoceses fan o propio os reis ingleses. A Pedra do Destino foi reclamada por Escocia e devolta ao Castelo de Edimburgo en 1996 por pura xustiza histórica, mais os ingleses puxeron a condición de que volvese a Westminster para cada coroación real británica. E así é o simbolismo e seguimento desas vellas tradicións tan antigas que aínda perduran por eses lares e que en certos aspectos son tan semellantes a nós. Mais o que máis me chamou a atención foi ver nun momento da cerimonia a beleza interior da Abadía de Westminster, e en concreto as cruces góticas que decoran o espazo que ocupa o coro do devandito lugar. Son exactamente iguais ás que podemos ver nalgúns camposantos galegos da comarca da Terra Cha maxistralmente talladas en pedra pola saga de canteiros Os Carboeiras de San Román?Vilalba. Unha semellanza tan abraiante que me fixo pensar na antiga diocese de Bretoña, fundada polos bretóns chegados dende a antiga Britannia a esta parte de Galicia arredor do século VI d.C. e da que xa vos teño contado algo. Podería quizais existir algunha relación?