Recibín unha simpática carta firmada por cinco mozos galegos. Nela pídenme que lles clarexe nunha das miñas colaboracións neste xornal, como naceu o galego escrito, e como perdeu a súa condición de lingua culta. Respondo gustoso á dobre pregunta, aínda que dentro das limitacións que un artigo periodístico impón.
As primeiras manifestacións escritas na nosa fala que se conservan, corresponden ó século XII. No seguinte, atinxen o seu pleno esplendor no eido poético. Daquela, o principal centro cultural era Compostela. Pero esa poesía acadou gran prestixio na Corte de León con Afonso IX, que a cultivou persoalmente. Tamén na de Castela con Fernando III e Afonso X O Sabio. Ámbolos dous viviron de mozos en Galicia. Educáronse aquí, e coñecían ben a lingua e a cultura galegas. O último, gran promotor da prosa castelá, serviu poeticamente á nosa tradición, cuxa modalidade relixiosa representa en grao máximo.
Na Corte portuguesa, o prestixio desa poesía trobadoresca cumía co Rei D. Dinis. Ó igual que o seu avó Afonso X, cultivouna persoalmente con entusiasmo, aínda que con notable entrega ó influxo provenzal. Foron moitos outros os trobadores que coincidiron ou se sucederon na composición poética. O que se conserva da súa obra está recollida nos Cancioneiros da Ajuda, do Colocci-Brancuti, tamén chamado da Biblioteca Nacional, e no da Vaticana.
Desde finais do XII o galego coñécese, pois, como lingua poética. Pero no XIII pasou a se empregar como lingua xurídica. A área que abranguía non se limitaba á Galicia actual, a do norte ou Lucense. Estendíase á do sur ou Bracarense, que na Reconquista comezou sendo o Condado de Portugal. A posterior independencia política da Galicia do sur non rompeu a unidade lingüístico-cultural das dúas Galicias, que permaneceu inalterada ata o século XIV.
A partir desta centuria, a lingua común vai diferenciándose dialectalmente. A Galicia do norte experimenta a forte presión político-cultural castelá. O galego vai perdendo entón pulo culto, rematando por quedar reducido á condición de lingua oral popular sen cultivo escrito. A penetración no noso país de nobres e funcionarios casteláns foi impoñendo a hexemonía da súa propia lingua.
A Administración e a Igrexa viñeron ser os vehículos máis eficaces da castelanización cultural. Unha castelanización que, de todos xeitos non se produciu, nin podía producirse, supetamente. Proba delo é que se conservan documentos escritos en galego por notarios casteláns. Pero desde o XV, aquela hexemonía lingüística impúxose. Sobre todo, a partir da creación no 1480 da Real Audiencia polos Reis Católicos.
Velaí, en obrigado resume, a información que os meus comunicantes me demandan.