Francisco Rodríguez: «Do dixital o que me asusta é a intelixencia artificial»

c. devesa A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Francisco Rodríguez Iglesias
Francisco Rodríguez Iglesias CESAR QUIAN

O editor de Hércules publica novo libro: «A miña cadeliña»

30 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Estaba predestinado ao mundo do libro», di Francisco Rodríguez Iglesias (Castelo, Taboada, 1949), que dedicou toda a súa vida á escritura da man do seu traballo en editoriais de Lugo, Madrid, Bilbao e A Coruña, como Marín ou Carrogio, ata formar en 1985 o seu propio proxecto, Hércules Edicións.

A editorial naceu co obxectivo de impulsar a cultura galega, tal e como fixeron co recoñecido Proxecto Galicia, premiado coa medalla Castelao no 2007. «O Proxecto Galicia foi un milagre», sinala Francisco, que recalca o esforzo de sacar adiante un traballo que chegou aos centros galegos na época de Manuel Fraga na presidencia da Xunta. «Son os dez piares da cultura galega. Agora, o proxecto segue adiante da man da publicación de monografías, como a do Conde de Lemos. O problema principal de Galicia é a baixa autoestima que temos, e iso algo que hai que cambiar», explica o escritor, que acaba de publicar A miña cadeliña.

«É un libro a partir dos 7 anos con dúas finalidades. A primeira é afeccionar o neno á lectura e manter o hábito. Despois, que a lectura o forme. Nese sentido, na obra comezo a familiarizar os pequenos coa natureza. O que pretendo é que a amen, porque se non amas unha cousa non loitas por ela. Neste sentido, introduzo no texto un incendio forestal para concienciar da gravidade que teñen. Non somos conscientes das consecuencias que supoñen», apunta o lucense, que xa traballa noutro libro no que tamén recorre ao lume. «Trata do Camiño de Santiago e será para nenos a partir de 12», detalla Rodríguez, que deixa claro que, aínda que estas obras sexan para nenos xa escolarizados, «os libros poden acompañar os rapaces dende bebés». «Hai obras con imaxes que serven para que comecen a asociar conceptos», apunta.

Sobre A miña cadeliña o autor confesa que a primeira persoa que o leu foi a súa neta, Antía, «que é a protagonista». «Deille o libro, pero non lle dixen que o escribira eu. Comenteille que chegara a editorial, pero que non me convencía. Cando o leu, díxome: “Avó, a min gústame”. E pensei: “Pois menos mal”», di entre risas Rodríguez, que sobre Pinta, a cadeliña, sinala que era a súa mascota de neno.

O libro, acabado de publicar, pode adquirirse en castelán ou en galego. «Hai máis público en castelán, pero cada vez lese máis en galego. Valórase máis. Agora hai máis acceso á cultura, a porcentaxe de lectura en Galicia é dun 64 %, e estamos de undécimos na listaxe española», sinala o escritor, que, ante o auxe do libro dixital, se mostra tallante: «Séguese a ler máis en papel, representa case o 95 % das vendas». Nese sentido, sinala que «o dixital non me preocupa, pero o que me asusta é a intelixencia artificial. Todos os avances foron até agora para mellorar a calidade de vida dos humanos, pero isto o que fai é eliminar a necesidade das persoas».