«O corpo aberto», «Valentina», «O home e o can» e «Rapa», premios especiais dos Mestre Mateo

La Voz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Aigi Boga

Os nominados xuntáronse onte en Allariz

01 mar 2023 . Actualizado a las 13:17 h.

A xuntanza dos finalistas dos premios Mestre Mateo, que se celebrarán en marzo en Ourense, xuntou en Allariz aos nominados e foi o escenario onde se procedeu á entrega dos premios especiais. Foron os mesmos para as longametraxes O corpo aberto, Valentina e O home e o can, a serie Rapa e a curtametraxe La entrega. No encontro de Allariz participaron os representantes da promotora dos Mestre Mateo, a Academia Galega do Audiovisual, co seu director Álvaro Pérez Becerra á cabeza; o director de Agadic, Jacobo Sutil; a deputada de Cultura e Audiovisual da Deputación de Ourense, Patricia Torres; a secretaria da Ourense Film Commission, Susan Ramos; a xerente do Inorde, Emma González, e o presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara. A alcaldesa, Cristina Cid, tamén participou no encontro previo á gala de marzo.

Sergio Martínez-Aoiz, de Abanca, entregou ao produtor Gaspar Broullón o premio ao impulso e sostenibilidade a O corpo aberto. A película de Ángeles Huerta, con dezaseis nominacións, é unha das favoritas nos Mestre Mateo deste ano. A Valentina de Chelo Loureiro, Goya no 2022, foi recoñecida co Premio Deleite —anunciado por Marcial Gende— á promoción da lingua galega. Os irmáns Pepe e Jorge Coira e Ana Míguez —produtor executivo, director e responsable de produción— recolleron o Premio Galicia Calidade, entregado por Ana Méndez, en recoñecemento á serie Rapa pola promoción exterior de Galicia. 

«La entrega», premio en curtas

No apartado de curtametraxes o galardón especial foi para o traballo

La entrega

. Marta Díaz, de Cafés Candelas, foi a encargada de entregar un recoñecemento que se lle concedeu por ser a «produción máis inspiradora» e que recolleu o seu director, Pedro Díaz. O galardón da Ourense Film Commission foi para a última longametraxe do director Ángel de la Cruz:

O home e o can

. O premio foille entregado ao realizador pola deputada ourensá de Cultura e Audiovisual, Patricia Torres. A gala de entrega dos Mestre Mateo, da Academia Galega do Audiovisual, celebrarase o día 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense.