Chemineas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

08 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Co asunto de ter lareira na casa, de que nos gusta o calor que dá a leña, e de que supón un aforro importante na desnortada factura da luz, estoume facendo un especialista na cuestión, polo menos no referido á nosa. Con ela xa pasamos un par de sustos cando vimos as lapas saíndo pola cheminea; agora cada certo tempo avisamos a un desenfeluxador profesional para que a limpe a conciencia e nos aconselle como debemos facer para non ter ese tipo de problemas que poden ser ben perigosos. Quedo pasmado coa destreza que teñen limpando e da maquinaria que empregan para deixar todo en perfecto estado sen que se lles escape nin unha borra. Aprendín, pola conta que me ten, que o mantemento é fundamental para evitar problemas, aumentar o seu rendemento e diminuír o consumo e a contaminación

Tamén a usar debidamente o tiro para que permita a correcta saída do fume e quente ben o espazo onde está instalada. Asemade souben que a leña debe estar ben seca e que o poder calórico de cada unha das que abundan por aquí é diferente, xa que logo é moi importante saber escollelas como é debido, así como os seus prezos. Sen dúbida tamén me fixo moito máis nesas estruturas verticais, nalgúns casos ben fermosas e variadas que temos na nosa arquitectura tradicional por todo o país, e abofé que ata me paro a fotografalas a miúdo.

É certo que na nosa casa temos un espazo onde gozamos plenamente do ritual da cheminea e do seu caloriño aínda que supoña algún traballo, pero o goce que proporciona compensa os inconvenientes que poida dar. Como certo é tamén que hai que ser meticulosos coa limpeza e o mantemento, tanto interna como externa, cada certo tempo. E con todo correctamente feito un certo recendo a fume sempre se impregna un chisco na roupa e no pelo pero a nós nin nos molesta nin nos importa demasiado. Estamos afeitos ás nosas aldeas e todo isto, dentro das comodidades actuais, supón unha outra volta a aquelas infancias bonitas ao pé das lareiras e da maxia acolledora do calor do fogar. Son desas cousas que lembran o pasado dun xeito fermoso e incluso evocador. Estou moi contento de ver fumegar a miña cheminea, sobre todo en invernos coma o deste ano.