Os animaliños que se moven polas cantigas de Cotobade

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

David Carballal
David Carballal CÉSAR QUIAN

Carballal presenta unha edición para nenos da compilación de Antonio Fraguas centrada na fauna

24 ene 2023 . Actualizado a las 11:49 h.

Aínda flota na memoria cultural da comunidade o Día das Letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas no ano 2019. Entón, o deseñador e comisario de exposicións David Carballal (Santiago, 1970) propúxose facer unha publicación especial do Cantigueiro de Cotobade. Trátase da obra na que Fraguas recompilou con mimo as coplas populares que escoitaba de neno, asegurando a súa conservación para as seguintes xeracións. «Vin ese cantigueiro e ocorréuseme facer unha serie de ilustracións das cantigas que tiñan como protagonistas a animais —lembra Carballal—. Aquilo non saíu. Do cal me alegro, porque non estaba demasiado satisfeito no traballo inicial».

DAVID CARBALLAL

Perdeuse aí a oportunidade de lanzalo co vento a favor. Pero gañouse o tempo necesario para editalo como desexaba o autor. O resultado é Pequena fauna do Cantigueiro de Cotobade (A Chalana), un libro ilustrado pensado para o público infantil. Nel emprega os animais como porta de entrada para introducir os máis pequenos neste corpus popular. «Hai mil e pico cantigas, das cales seleccionei 20 das que teñen como protagonistas a animais. Pareceume o gancho para os nenos. Sempre lles chaman a atención. Tamén é unha forma de que coñezan 20 especies autóctonas», subliña o autor.

Desde o lagarto que move o rabo na saia da Carolina ata o moucho que mira cos seus grandes ollos pousado nun penedo, polas páxinas deste libriño desfilan troitas, porcos, ovellas, lebres, coellos, corvos, un merlo e todo tipo de animais, captados con fidelidade. «As ilustracións son naturistas. Os nenos que vexan unha lavandeira, unha rula ou un raposo van recoñecelos. Nas ilustracións infantís abúsase demasiado de caricaturizar os animais. Nunca aparecen tal e como son. Sempre teñen caras de persoas ou pretenden ser simpáticos. Eu para esta obra pretendía algo diferente. Quería que tivese a función de ver o animal tal e como é», explica.

DAVID CARBALLAL

No seu traballo, Carballal mesturou diferentes técnicas: «Hai colaxe, debuxo tradicional, infografía, texturas de papeis... Quería que tivese a graza das ilustracións que poden atrapar os nenos para que logo coñezan todo o demais». Para iso, o artista experimentou un proceso «bastante regresivo» a nivel persoal. «Son pai de dous nenos e teño relativamente recente o mundo da infancia. Mentres o facía acordeime moito dos meus avós. De feito, dedícolle o libro a eles. Estas cantigas levan á infancia e mesmo a un pasado que nin sequera viviches pero que está aí, na túa imaxinación», conclúe David Carballal.