O silencio de Bob Dylan

CULTURA

07 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ocontinuado silencio de Bob Dylan está levando a algúns despistados a preguntar se aínda segue vivo. Por isto quizais non estea de máis comunicar que si, que está vivo e que ten 81 anos. Porque ese cantautor quizais cansou de reinventar a música folk-rock pero non deixou nunca de ser o gran artista que é, como ben ten acreditado. Estamos a falar do primeiro gran compositor que gañou o premio Nobel de Literatura, no 2016, e sen ir recollelo —polo que un académico o cualificou de home «maleducado e arrogante»—. Concedéronlle en todo caso o galardón «por ter creado novas expresións poéticas dentro da gran tradición da canción americana».

Nacido en Duluth (Minnesota, EE.UU.) o 24 de maio de 1941, Dylan revolucionou o panorama musical con pezas inesquecibles como Blowin’ in the Wind, Masters of War ou Talkin’ World War III Blues, que abriron moi novos camiños que en seguida o converteron nun ídolo musical diferenciado e incontestable.

Pódense rexeitar algunhas das súas actitudes pero ten pouco sentido facelo, entre outras cousas, porque, se estivese a atender a todos non estaría a desenvolver o seu. Porque tamén para Dylan os días só teñen 24 horas e hai que restar as de durmir. Por isto considero moi atinadas as súas reaccións de defensa dun tempo que sempre quixo dedicar á música e non á parafernalia exterior que orixina a fama, se un se prega ó seu ruído. Dylan é unha figura tan determinante que aínda segue a impulsar e a condicionar a música actual, que tanto lle debe. Porque el non perdeu o tempo en artificios banais. Non descoñece que «vivir é desgastarse» (Dino Pacio dixit), e faino como mellor sabe e pode. Porque, ó cabo, un desgástase inevitablemente.

Barack Obama dixo del que «non hai maior xigante na historia da música americana». Un membro do Nobel asegurou que se trataba dun «cantante que merecía un lugar xunto ós bardos gregos, xunto a Ovidio, xunto ós visionarios románticos, xunto ós reis do blues, xunto ós mestres esquecidos de brillantes estándares musicais». Palabras de recoñecemento que ningún outro artista recibiu. Quizais porque Dylan aceptou todos os desafíos «like a rolling stone».