Alma Alonso e María Aragón, novas caras no audiovisual galego que non pasan desapercibidas para Amazon Prime Video

Andrés Vázquez Martínez
Andrés Vázquez SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

Estas dúas alumnas da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acaban de ser recoñecidas no certame CIMA10, organizado pola Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) e a plataforma de videos baixo demanda

07 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Repostas do shock inicial que lles supuxo o seu propio éxito, Alma Alonso e María Aragón, dúas alumnas da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, sentan nas escaleiras dese mesmo edificio, no que aprenden e medran durante o curso. Case como se fose unha pasarela, eses banzos son o lugar polo que pasou todo o talento da Facom, como lle chaman os estudantes de agora á Facultade, para conceder unha entrevista a calquera medio de comunicación.

Elas están debutando neste texto con La Voz, pois acaban de ser premiadas no concurso CIMA10, organizado pola Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) e Prime Video, a plataforma dixital do xigante Amazon dedicada ao vídeo baixo demanda. Nese certame buscábanse guións de curtametraxes escritos por novos talentos femininos e elas presentaron o de Señora, por favor, unha peza de só cinco minutos escrita integramente en galego.

Non poden desvelar demasiado, cousas de contratos, pero María Aragón e Alma Alonso, que son de Marín e Gondomar respectivamente, contan nesta curta co gran galardón que representa o financiamento do seu proxecto por parte de CIMA e Amazon Prime Video. Ademais terán o apoio constante da USC, a través da profesora Marta Pérez Pereiro, que as titoriza, e do departamento técnico, que se vai encargar de que non carezan de nada nese eido. 

View this post on Instagram

A post shared by Facultade de Ciencias da Comunicación - USC (@facom_usc)

As guionistas, e dentro de pouco directoras cando todo isto bote a andar, xa están en cuarto curso. Dende que comezaron tiveron ocasión de pensar centos de proxectos, «pero este é distinto, pois estamos rematando os estudos e xa case o vemos coma un salto ao mundo laboral», sinala Alma. Teñen absoluta liberdade, algo que ás veces as profesións artísticas van perdendo conforme pasan os anos, polo que neste caso aproveitan para ceibarse de tódolos corpiños e presentar no seu traballo a personaxes femininas reais, «que por desgraza non están presentes tantas veces nas obras audiovisuais que máis alto voan».

É por iso que o seu texto ten como protagonista unha muller, «maior e real, non coma as que abudan no cine», que se ve exposta a «un interrogatorio cunha situación bastante inesperada» nun clima cómico, segundo as palabras medidas de María Aragón. Malia que se inspiran en series de comedia clásicas, coma Brooklyn Nine-Nine, queren fuxir dos tópicos que integran moitas delas, «nas que a muller é o propio chiste ou o único que se ven son corpos e comportamentos esteriotipados, ao quedaren estas relegadas a papeis secundarios».

En moitas ocasións, ademais, esas mulleres coma as que María e Alma pretenden retratar quedan relegadas a historias tráxicas, «e iso ten moito que ver con que un elevadísimo porcentaxe de directores, guionistas e produtores sexan homes». Seguindo o fío da conversa, a súa tutora Marta Pérez Pereiro non pode evitar meterse no charco do tan de moda Cinema Negro Galego, noticia nestes momentos por medio de filmes como As Bestas, e sinalar que en moitas ocasións certos personaxes están pintados por persoas moi axenas a eles, «sexan homes que só teñen a súa perspectiva propia das mulleres ou persoas non galegas que tamén teñen un punto de vista moi concreto da galeguidade».

María Aragón (esquerda) e Alma Alonso (dereita) nas escaleiras exteriores da Facultade de Ciencias da Comunicaciónda USC.
María Aragón (esquerda) e Alma Alonso (dereita) nas escaleiras exteriores da Facultade de Ciencias da Comunicaciónda USC. Sandra Alonso

A dirección, o que Alma Alonso e María Aragón van facer logo do primeiro paso guionizando a súa historia, é un dos puntos máis críticos dentro do argumentario destas dúas alumnas de Comunicación Audiovisual na USC. É certo, din, que están a entrar máis mulleres neste eido e con moito éxito, «non hai máis que ver as candidaturas dos premios Goya deste ano», pero non hai que esquecer o elevadísimo porcentaxe de homes que existen na maioría dos postos de responsabilidade das diferentes facetas que se deben ocupar á hora de facer una película. A única que quizais escapa desa regla é a parte da produción, «máis asociada aos coidados e á orde, tarefas que adoitan desenvolver mulleres en calquer gremio».

Un produto a medida

Malia ser un fervedoiro de ideas, que xa teñen pensado plasmar a través do traballo de fin de grao conxunto que están a comezar, Señora, por favor nace exclusivamente coma un froito da convocatoria de CIMA e Prime Video. «Sabendo as bases mínimas e tendo en conta que o produto final non podería durar máis de cinco minutos fomos escribindo o guión entre as dúas, ata chegar a algo que realmente nos agradase», comenta Alma Alonso. Elas ían na categoría de escolas profesionais, polo que accederon a 2.800 euros, «que non é moito para unha produción, pero está máis que ben para comezar».

A cafetería de Ciencias da Comunicación, onde tantas ideas se convertiron en proxectos.
A cafetería de Ciencias da Comunicación, onde tantas ideas se convertiron en proxectos. XOAN A. SOLER

É a súa tarea, logo de ter o texto inicial, buscarse as castañas, que en moitas ocasións é no que consiste a produción audivisual. Marta Pérez Pereiro engade que aínda que o ideal sería contar con máis fondos, «isto vailles ensinar a buscar alternativas para sacar adiante o proxecto, unha maneira de curtirse». Agora están nesa fase, na de atopar e contratar á actiz principal, ás outras dúas coas que conta o guión orixinal e a todo o equipo técnico que mellor lles pareza, aínda que contarán con todos os medios da Facultade. E despois, a gravar, que xa teñen ganas de saltar á realidade da que será a súa profesión.

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC está a demostrar, nos últimos anos, que é un auténtico berce de talento para a industria audiovisual de Galicia e do mundo. Alma e María comezan, pero son moitos os compañeiros e compañeiras que suman poucos máis anos ca elas e que xa están a lanzar os seus proxectos, merecedores de precandidaturas aos premios Mestre Mateo, sen ir máis lonxe, que acaban de saír. E xuntos, cousa importante, demostrando que teñen moita gana de traballar, que idean produtos e historias de todo tipo e que o talento é quen de recoñecer ao talento.