Froxán

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

13 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende o municipio de Rojales en Alacante ata o courelao pobo de Froxán no concello lugués de Folgoso do Courel, hai unha tirada de case 950 quilómetros. Antes desa volta, houbo unha ida cara ese levante tan distante e distinto á nosa terra. En Rojales tiña un concerto con Luar Na Lubre e ao día seguinte estaba comprometido como pregoeiro en Froxán, na Festa da pisa da castaña. Iso si, cun importante descoloque espazo temporal pero encantado da vida. A miña muller Marisa agardábame en Pedrafita do Cebreiro, lugar dende o que os compañeiros de Luar Na Lubre continuaban cara Coruña e nós virábamos para internarnos na fermosa maxia do Courel. Marabilla absoluta de paisaxe e contorna ata Folgoso, lembrando en todo momento aquela melodía composta por Emilio Cao titulada Chegando ao Courel. Espesura de bosques autóctonos e estoupido de cores outonais remarcan o cromatismo deste lugar aínda único. De vez en cando ata puidemos ver algún corzo brincando nos clareiros da fraga o cal era un significativo presaxio positivo. A paisaxe mudou radicalmente dende a saída de Folgoso ata Froxán virando cara un predominio do negro coma cor principal e cun inquietante cheiro a queimado aínda hoxe. Un basto territorio calcinado polos lumes deste verán que pouquiño a pouco van rebrotando grazas á forza desta terra incrible, capaz de virar o que semella irremediable, como xa sucedeu noutras ocasións con traxedias similares. A pesar de que ía moitísimo frío, o día lucía esplendoroso, cun ceo totalmente despexado e unha claridade absoluta que resaltaba aínda máis a beleza dos intres nos que espallados bancos de néboa repousaban nalgunha revolta do camiño. Froxán é un pobo fermoso, reconstruído dende o respecto e con criterio. Un pobo pequeno e con poucos habitantes, pero dende o que se fan cousas moi grandes e interesantes. Neste caso falo da pisa da castaña como unha tradición ben antiga que eles recuperaron e conseguiron darlle unha transcendencia salientable a través das XXII edicións que xa leva facéndose. A min tocoume ser o pregoeiro deste 2022 e quedei gratamente sorprendido por como se desenvolveu este evento. Só me queda dicir: Viva Froxán e longa vida á Festa da Pisa da Castaña e ás xentes que a fan.