Celebrará o 111 aniversario do nacemento do escritor cunha xornada na Insua dos Poetas
13 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Ourense celebrará o 111 aniversario do nacemento de Álvaro Cunqueiro a través dunha iniciativa da Fundación Insua dos Poetas que conta co apoio da Deputación de Ourense e que se celebrará na Esgueva (Madarnás, O Carballiño) arredor do 22 de decembro, data de nacemento do xenial escritor de Mondoñedo.
O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, avanzou ao presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar, o apoio nesta xornada cunqueiriana na Insua dos Poetas, que incluirá a instalación dunha peza escultórica e outras actividades destinadas a incorporar ao predio da Esgueva, Madarnás, O Carballiño, ao grande escritor, xornalista e gastrónomo.
O escritor de Mondoñedo, segundo adiantou Luís González Tosar, «debe estar por dereito propio e pola valía da súa obra, especialmente da escrita en lingua galega, á que Cunqueiro elevou á súa máxima categoría, entre os autores e autoras que integran o mundo literario da Insua dos Poetas».
González Tosar destaca a importancia de incluír a Cunqueiro nun universo no que xa están autores como « Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Eduardo Blanco Amor, Federico García Lorca, Xosé María Díaz Castro, Celso Emilio Ferreiro, Pura e Dora Vázquez, Carlos Casares ou Antón Tovar».
A Fundación Insua dos Poetas está establecendo os contactos oportunos coa Deputación de Ourense, a Xunta, o Parlamento e o Concello de Mondoñedo «para darlle o máximo nivel e categoría a unha celebración que, aproveitando o 111 aniversario do nacemento do escritor, axude a honrar e espallar a súa obra e o seu pensamento».