María Rosa Lojo reivindícase como «galega filla» no seu ingreso na RAG

j. b. REDACCIÓN /LA VOZ

CULTURA

Acto de ingreso da escritora María Rosa Lado na Real Academia Galega (RAG) como membro de honra.
Acto de ingreso da escritora María Rosa Lado na Real Academia Galega (RAG) como membro de honra. Marcos Míguez

«As redes afectivas e intelectuais da emigración nunca se cortaron», dixo

29 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

María Rosa Lojo xa é membro de honra da Real Academia Galega (RAG). Onte, nun acto celebrado na sede da Coruña da institución, fíxose efectiva esa entrada cunha declaración de intencións: «Son unha galega filla. Unha exiliada filla». Descendente dun galego de Boiro —que loitou no bando republicano na Guerra Civil e optou por marchar a Arxentina logo da vitoria dos nacionais—, sempre viviu coa sensación dunha segunda patria mais unha identidade complexa. Incluso para facer o retorno. «Sucede que, con distintos matices, existía un proxecto fundamental para os meus pais e para nós: volver. Pero como se regresa a onde xamais se estivo?», preguntou.

Lojo é unha destacada figura das letras arxentinas. Tamén, unha referencia a nivel académico. Na súa obra, tanto de novela como poesía, reflíctese unha constante luz galega. A nivel de investigación é aínda maior, xa que parte do seu traballo céntrase na emigración galega, o exilio e os espazos simbólicos, analizando a súa influencia na identidade arxentina. Nese sentido, onte afirmou que «parte da historia galega é arxentina e, á inversa, a historia arxentina non sería o mesmo sen Galicia, como deixou escrito Antonio Pérez Prado». Deulle incluso un papel seminal a aqueles emigrantes: «Os galegos son tan fundadores do país do Plata como os seus poboadores orixinarios, pero os arxentinos aínda non caeron na conta de que levan esas básicas identidades cruzadas e inscritas no ADN biolóxico e cultural. Indíxenas e galegos sufriron, en diversos graos, o bullying dos prexuízos e os etnocentrismos hexemónicos. A miúdo ocultáronse ou ocultáronos baixo o paraugas de español ou de crioulo».

Na súa intervención, a escritora fixo un percorrido polo Bos Aires que acolleu a Castelao, Luís Seoane, Maruja Mallo ou Amparo Alvajar. Afirmou que os vínculos seguen a tecerse a ambas beiras do Atlántico: «As redes afectivas e intelectuais da migración nunca se cortaron». Pero tal e como explicaba na entrevista publicada neste xornal, para ela houbo unha influencia galega tan importante ou máis que a dos seus reverenciados Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro. «Os relatos do meu pai da aldea, da casa, do río, eran o meu taiel ou tayül, o meu canto da liñaxe», proclamou subliñando toda esa narrativa oral que lle chegou por vía paternal. «Este canto que, segundo a nación mapuche, vincula cada ser e cada familia coa súa identidade ancestral dentro do cosmos, coa cadea de xeracións pasadas e vindeiras, e revela a asociación entre os humanos e os elementos naturais cos que se emparentan», explicou a autora, en cuxa obra a pegada do herdo paterno dialoga con elementos da cultura dos pobos indíxenas da Arxentina.

Pola súa banda, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, deu resposta ao seu discurso. Destacou o seu «compromiso activo coa Galicia nova de alén mar, principalmente coas novas xeracións da Galicia arxentina». Tamén «a súa dimensión literaria como creadora de ficcións, nalgúns textos autoficcións, na procura das raíces».