Julia Minguillón sae do silencio

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

No disponible

Unha xornada do Consello da Cultura reivindica e pon o foco sobre unha pintora sobria, discreta e excepcional e porén, esquecida

29 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha meniña mira en fite dende o pequeno salón, no que unha fiestra ábrese a un paisaxe do interior de Lugo. O seu ollar é tan sobrio, tan robusto, tan penetrante, que aínda que a vista percorra a escena, sempre acaba por volver a ela. A meniña é real. Unha das modelos da Escola de Doloriñas, a obra máis recoñecible dunha pintora silenciosa, discreta, sobria e excepcional que aínda hoxe segue escurecida polo ruído das vangardas. Julia Minguillón pintou na década dos 40 un cuarto onde Dolores Chaves, Doloriñas, exercía o mestrado. Unha escola de ferrado na que unha fiestra se abre para amosar a paisaxe da Lourenzá que lle deu acubillo en varias etapas da súa vida.

A Escola de Doloriñas é, se cadra, a obra máis recoñecible e máis recoñecida (con ela gañaría a primeira Medalla da Exposición Nacional de Belas Artes de 1941, a única muller), pero «hai moito máis». Dío Victoria Carballo-Calero, que rematou os seus estudos de Historia da Arte nunha encrucillada: Maruja Mallo ou Julia Minguillón? Ambas de Lugo. Ambas con bolsas da Deputación para estudar arte. Paralelas e porén, totalmente opostas. Como cores complementarias. Como dúas caras dunha moeda.

«O ruído e o silencio», di Carballo-Calero Ramos, que optou por Minguillón, unha artista que traballou na casa, no seu estudo, fóra dos grupos intelectuais (mentres Maruja Mallo é parte da xeración do 27) e das correntes de vangarda como o expresionismo e o surrealismo que si traballou Mallo. Que aínda que estivo en París e Guatemala tivo un forte arraigo no rural de Galicia. Que . E que morreu antes do aperturismo dos 60, antes de poder reivindicar a súa obra máis aló da España dos anos 50. «Faltoulle tempo para dar a coñecer a súa pintura, moi relevante» e cun labor paisaxístico e retratístico moi importante, así como cadros de composición, explica a catedrática de Historia da Arte da Universidade de Vigo e autora dunha tese sobre a figura de Minguillón, que fala tamén da estética da felicidade: «Ela non entra no expresionismo que si cultivou Laxeiro (do que se acaba de inaugurar unha exposición) nin no surrealismo. É un clacisismo contemporáneo».

Ese foi precisamente un dos alicerces da xornada que no Consello da Cultura revisou o relato artístico, poñendo o foco nunha creadora que comezou interesándose pola escultura pero que se reconduciu cara á pintura «e iso vese por exemplo na tridimensionalidade». Encarna Lago, xerente da Rede Museística de Lugo leva uns 30 anos dedicados á función educativa dos museos e apoiándose na obra de Minguillón para poñer en marcha proxectos que non só están orientados á comunidade escolar e á infancia, senón que entenden a educación como unha función que ten que chegar a toda a sociedade. Ao museo vaise, pero o museo tamén vai. E está presente nas redes (máis incluso dende a pandemia) para tecer comunidades cada vez máis amplas. E dialoga con outras disciplinas artísticas, como os roteiros literarios que se teñen creado no museo.

Por que Minguillón? Primeiro, pola Escola de Doloriñas. Segundo «por ser unha muller artista nun museo onde hai moi poucas mulleres». Un xeito non só de cuestionar o relato hexemónico, o canon que regala ás mulleres, fundamentalmente, ao papel de modelos, musas, pero non de creadoras. E terceiro, porque a través da súa obra é posible traballar as catro desigualdades, no só de xénero, senón tamén de clase (retratou tanto á alta sociedade como ás clases populares), de etnia (hai cadros con xente xitana) e de discapacidade.

«Decidimos utilizar A miña familia para traballar os distintos modelos familiares», para ser parte tamén da transformación social. Un total de 47 artistas, incluso de Xapón, participaron nun proxecto expositivo que rematou converténdose nun gran proxecto educativo no Thyssen, que durante dous anos puxo a disposición de catro artistas e os colectivos asociativos de Lugo un apartamento en Madrid para traballar coa comunidade da capital española.

A obra de Minguillón serve tamén para traballar sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible: «con sustentabilidade falamos de persoas», di Lago. Así que pódese traballar sobre a auga limpa con Pepiña na fonte, ou o ensino de calidade coa Escola de Doloriñas. Do que se trata é de xerar debate. De romper os relatos hexemónicos. De transformar. De facer preguntas.