31 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste 2022 estamos vivindo un verán especialmente caloroso en Galicia. Coa calor, as praias atéiganse de xente para gozar do prezado sol que tantas persoas arelan o resto do ano. Somos a comunidade do Estado que ten máis quilómetros de costa, arredor de 1.500. Temos máis de 850 praias rexistradas, sendo líderes moi por riba de Andalucía, Cataluña ou mesmo avantaxando en máis de 200 á suma das oito Illas Canarias, segunda comunidade en número.

Os areais galegos son dunha excelente calidade e temos lugares absolutamente paradisíacos ao longo da noso litoral. Tamén é certo que algúns deses espazos son manifestamente mellorables. Con todo, a agresividade do turismo masivo aquí non impacta do mesmo xeito que noutros lugares da Península e iso, ao meu modo de ver, repercute tamén no estado de conservación dos espazos. Mais con todo, é moi difícil pasear por calquera praia galega e non atopar plásticos nas súas diferentes variantes. Galicia é un país atlántico cun mar moi enérxico e augas de temperatura xeralmente baixa e de moi boa calidade, o que propicia unha riqueza pesqueira e marisqueira nas nosas costas case que inigualable. E este é un dos puntos fundamentais que deberiamos entender.

Por riba da importancia de ter moitos areais para desfrutar, está a preservación dos mesmos para que as xeracións vindeiras gocen deles e dos seus recursos do mesmo xeito que o estamos facendo nós, e ser conscientes da fráxil diversidade dos incribles ecosistemas que aínda temos na maioría deles. Vainos o futuro nesta cuestión alén da valoración mundana de pensar só no presente. Unha boa pedagoxía medioambiental axudaría moito a facernos entender e mellorar algunhas tristes situacións que se están a dar nas nosas costas.

A acumulación de plásticos, os verquidos contaminantes, a perigosa moda de apilar pedriñas ou un turismo incontrolado en certos lugares, por citar algúns, deberían ter un rigoroso control. Eu non son de ir á praia no verán pero si me prace moito pasealas no inverno coa tranquilidade que transmiten, libres do balbordo humano e cheas da vida que lles corresponde por natureza propia. Gusto de velas así, gozalas e deixar a mínima pegada posíbel.