A RAG explorará o uso da onomástica no percorrido da literatura galega

Alfredo López Penide
lópez penide PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

CEDIDA

Analizará o emprego de nomes propios dende o medievo ata as letras actuais

27 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen non se lembra do Balbino de «Memorias dun neno labrego»? Ou de Adrián Solovio de «Arredor de si»? Por non falar da Maxa de Adeus María ou de Maxina, a protagonista de Maxina ou a filla espúrea. Son algúns exemplos de persoeiros ficticios da onomástica literaria galega, ámbito no que se fusionan con outros topónimos reais así como con outros que transitan por esa delgada liña que separa a ficción da realidade. A todos eles adicará a Real Academia Galega a sétima Xornada de Onomástica Galega, que se desenvolverá o 15 de outubro no Museo de Pontevedra.

A cita aglutinará a especialistas neste eido, que abarcará dende a literatura medieval ata a contemporánea. Así, as intervencións comezarán con Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo (UVigo) e presidente da Fundación Rosalía, que abordará a onomástica na obra da autora de Cantares gallegos ou Follas novas, mentres que María Xesús Nogueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), achegará unha perspectiva sobre toponimia e ecopoesía nas letras actuais. Antón Palacio, académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo, analizará os nomes artúricos nas letras contemporáneas.

O mito artúrico situase no eido da literatura medieval, ámbito no que Bieito Arias Freixedo, da UVigo, disertará sobre a poesía trobadoresca, ao tempo que Helena de Carlos, da USC, incidirá na etimoloxía e alegoría nas lendas de Troia. Na sesión vespertina, Berta Dávila, Fina Casalderrey e o tamén novelista Marcos Calveiro compartirán unha mesa redonda conducida pola académica Marilar Aleixandre na que explicarán como escollen os nomes dos personaxes das súas obras. Xosé María Álvarez Cáccamo pechará a xornada cun acto poético baseado no Cántico dos topónimos esdrúxulos.

Guía de apelidos en liña

Esta programación foi dada a coñecer este martes na Deputación de Pontevedra. De feito, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, congratulouse do apoio desta Administración e do Museo nunha iniciativa que contribúe a «reflexionar sobre a identidade do país a través da lingua, e neste caso a través dos nomes propios». A este respecto, recordou a estrea da Guía de nomes galegos en liña, «unha achega moi importante da RAG á onomástica galega», ao tempo que avanzou que proximamente sairá a guía de apelidos.

Pola súa banda, a deputada de Lingua María Ortega non ocultou a satisfacción de poder colaborar nesta iniciativa, que conta cunha importante traxectoria avalada polas seis edicións anteriores. O certo é que, tal e como adiantou, esta colaboración conxunta desembocará noutros novos traballos que están a piques de saír adiante en prol do desenvolvemento da lingua como un patrimonio fundamental a coidar e poñer en valor. En similares termos expresouse o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, quen rememorou os vínculos desta institución con Víctor F. Freixanes, «quen pasou boa parte da súa infancia no Museo».

«A onomástica literaria, que estuda a función e a significación dos nomes propios na literatura, é un campo pouco explorado no ámbito galego, pese ao gran rendemento que moitos dos nosos escritores lle teñen tirado. Propoñemos este ano centrarnos nesta cuestión, para examinar o seu uso en determinados autores e para explorar novos camiños de pescuda», engadiu Ana Boullón, quen coordina esta edición.

Onomástica do Camiño

Ademáis de presentar a programación deste ano, anunciouse a publicación das achegas e contribucións da sesión do 2021 no volume Estudos de Onomástica Galega VI. A onomástica no Camiño de Santiago.