Scorza en Compostela

CULTURA

02 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En maio de 1981 chegou a Compostela o escritor peruano Manuel Scorza, convidado do primeiro Congreso de Escritores en Lingua Galega, que se celebrou no mosteiro de Poio. Scorza pronunciou unha conferencia-coloquio na que cualificou o congreso como histórico porque era unha batalla espiritual e cultural no ámbito da lingua.

A alguén se lle ocorreu levalo á Axencia Efe en Santiago e presentarmo. Debo dicir que foi unha ledicia para min, porque eu, sendo antes xefe de cultura de Efe en Madrid, xa coñecera en persoa á maior parte dos escritores latinoamericanos, pero nunca me cruzara con Scorza, do que só sabía da engaiolante e prodixiosa novela Redoble por Rancas.

En Compostela, Scorza pediume ver a cidade e os dous paseamos ata esgotarnos e deternos a cear. Era tal a súa admiración por aquel espazo e a súa historia («maxia pura», dicía) que acabamos por repetir percorridos. Ó cabo, separámonos para ir durmir, pero, ó día seguinte, moi cedo, chamou para dicir que non pararan de entrevistalo de noite as radios do Perú, porque alí chegara a noticia que eu fixera. E de novo volvemos pasear, con el cada vez máis interesado pola «maxia» da información.

Dous anos despois, o 27 de novembro de 1983, estaba eu á fronte da redacción de Efe en Madrid cando chegou a noticia de que un avión de Avianca que voaba de Frankfurt a Bogotá, vía Madrid, acababa de estrelarse preto da capital de España. Axiña se soubo que entre as vítimas mortais estaban intelectuais que acudían ó Encontro Iberoamericano de Cultura. Entre eles, os escritores Manuel Scorza, Ángel Rama, Marta Traba e Jorge Ibargüengoitia, e os pintores Jairo Téllez e Tiberio Vargas. Scorza, Rama e Traba viaxaban xuntos cos números 39, 40 e 41.

Scorza publicara ese ano a que foi a súa última novela, La danza inmóvil, e reeditara Redoble por Rancas, primeira das obras da pentaloxía de La guerra silenciosa. Nunca esquecerei a súa expresión de abraio en Compostela, cando se sentiu rodeado da «maxia pura» dunhas pedras histórico-relixiosas que parecían saír de fóra do tempo. Quizais por todo isto (e pola calidade da súa obra) eu sigo aconsellando lelo. Porque morreu Scorza, si, pero a súa obra segue moi viva.