Homenaxe a un pentasílabo

CULTURA

Luz Pozo Garza (1922-2020).
Luz Pozo Garza (1922-2020). Pepa Losada

01 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

De cinco sílabas consta o nome dunha extraordinaria poeta de Galicia, Luz Pozo Garza (1922-2020), da que conmemoramos, neste ano, o centenario do nacemento. O seu documento nacional de identidade foi soporte, durante décadas e décadas, deste luminoso, fondo e canoro pentasílabo: LUZ POZO GARZA. Despois do 23 de febreiro de 1837, Galicia non nos ofreceu unha voz poética de muller da súa luminosidade e fondura, unha voz poética que nos comunicou, en versos cálidos e eficaces, co amor, coas saudades, coa beleza e riqueza das cousas, cos acenos místicos e cunha concepción da existencia que, por dramática que sexa, sempre bate con algo esperanzador. Católica pouco convencional, había no seu existir e no seu poetizar unha dimensión relixiosa que confortaba ou axudaba, cando menos a ela. En calquera caso, só conversar con Luz constituía unha iluminación espiritual.

O AMOR (que sería irrespectuoso escribir con minúscula) é o gran capítulo da súa obra poética, omnipresente en varios libros anteriores e posteriores á morte de Eduardo Moreiras (1914-1991), o poeta namorado —e intensamente correspondido— que chegou a afirmar: «O meu destino foi amar a LUZ». Foi un amor que naceu, entre escarceos literarios, no ano 1948, tempo de sórdida legalidade para os espíritos auténticos, e que foi vivido na estreitura dese tempo co máximo decoro persoal e social posibles.

O outro gran capítulo da poesía de Luz son os poemas nos que glosou os episodios máis dramáticos da vida de Rosalía ou as páxinas máis tráxicas da súa poesía. Léase, con unción, Diálogos con Rosalía, o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, de 1996, ao que eu contestei naquela sesión. Ninguén se debruzara sobre esta dimensión esencial da Cantora coa autenticidade e eficacia da Iluminadora. Por primeira vez, nun discurso académico, alguén, lonxe da prosa erudita, facía crítica literaria construíndo poemas, reveladores sempre.

A Cidade da Cultura (Santiago) acolle unha mostra, Constelación Luz, deseñada e organizada pola profesora Olivia Rodríguez, que aguilloará a curiosidade dos lectores e dos investigadores.