28 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Podemos considerar o San Xoán como a primeira gran festa do verán, unha tradición ben antiga que chega aos nosos días con renovada forza e, na maior parte dos casos, con celebracións totalmente carentes do sentido inicial deste ritual asociado ao solsticio de verán. Os tempos mudan, evolucionan ou retroceden e nós somos testemuñas de como isto sucede acotío en moitos ámbitos. No caso do San Xoán, imos vendo cara onde vai virando e como, salvo en honrosas excepcións, ninguén fai nada por encamiñala debidamente seguindo as pautas da propia tradición.

Sen afondar na polémica particular, refírome ás moitas festas que se celebran ao longo do verán en Galicia. E se todas ou practicamente todas teñen un denominador común, ese é o dos foguetes. Aquí podemos medir o poderío das festas deste xeito con todo o que envolve este ritual de luminaria, queima de pólvora e de atronamento dos nosos ceos. Sempre me chamou a atención, xa dende que teño recordo, que semellaba que as festas sen foguetada perdían entidade. Tamén lembro como a rapazada iamos na procura das varas que daquela eran de cana e había que rastrexalas alí por onde caian despois de estaladas, un xogo ben entretido nun tempo no que con calquera cousa facías un divertimento.

Todo isto volveume con forza dende que vivo no Val de Armentón. Aquí comezan os foguetes na altura do San Xoán e non paran ata ben entrado outubro. E atrévome a dicir que case non hai día que non haxa, por un motivo ou por outro, algún estoupido.

Sei da gran afección á pirotecnia que hai dende tempos ancestrais na China, que, como inventores, souberon sacarlle un bo proveito en ámbitos varios que van dende o medicinal ou lúdico ata o militar. Tamén sei que en Cataluña e Valencia hai unha importante tradición de tracas e corre-tracas dende hai séculos, e que, na actualidade, ata adquiriu un carácter case que sacro a través das fallas e mascletás.

Pero o de Galicia é ben curioso e dende logo hai que admitir que colleu bo arraigo. Eu non teño nada en contra, nin a favor; só me chama a atención o asunto e ás veces sufro polos animaliños, particularmente polos cans. Creo que non acaban de entender ben iso que a nós tanto nos gusta.