Alberte Santos vindica a fuga como filosofía vital

H. J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O xornalista e escritor Alberte Santos Ledo (A Coruña, 1965).
O xornalista e escritor Alberte Santos Ledo (A Coruña, 1965). Alexis Rey

A segunda novela do escritor galego, «A muller de lona», chega agora ás librarías. Este mércores preséntase na Fnac da Coruña

15 jun 2022 . Actualizado a las 10:53 h.

Metido a consultor de comunicación e afincado en Madrid, Alberte Santos Ledo (A Coruña, 1965) anda sempre a voltas coas historias. Niso percíbense as súas orixes profesionais no xornalismo, que exerceu, entre outros medios, en La Voz de Galicia. Así é que, malia non ter tempo, achega ás librarías —entre este mércores e o xoves— A muller de lona, a súa segunda novela despois de debutar no 2015 con O rebumbio dos vagalumes, editadas ambas no selo compostelán Laiovento. Acompañado dos periodistas Sofía Vázquez e Ramón Rozas, autor, por certo, do limiar desta nova obra, falará na mañá deste mércores (ás 12.00 horas) na Fnac da Coruña sobre o seu labor literario. Ás sete da tarde manterá no mesmo local un encontro cos lectores.

A pandemia serviulle a Santos para darlle o último empurrón a A muller de lona, circunstancia que quizais pesa no seu enfoque, aínda que é verdade que xa na súa ópera prima abordaba o asunto das insatisfaccións cotiás, das frustracións, da asfixia emocional. Daquela, a protagonista era unha profesora universitaria chamada Paula, que botaba man das historias para tecer unha vida en paralelo. Agora é Hipólito Foxo quen deixa voar a imaxinación para romper os lindes da súa monótona existencia, nunha narración que vindica a fuga como filosofía vital, a ficción como espazo que un pode erguer para refuxiarse dos amargores da realidade.

Foxo traballa como vixiante e cobrador nun aparcadoiro en superficie, diante dun centro comercial. A imaxe da muller que protagoniza a campaña publicitaria dese inverno sedúceo ata o punto de converterse en inspiración motora da construción dunha vida imaxinaria, mellor que a auténtica, fronte á que actúa como bálsamo. A novela vira así cara a denuncia da automatización, dunha tecnoloxización do mundo, que vai afogando as persoas, sometidas ademais a uns convencionalismos de obrigada atención como o ascenso, o éxito... «Ou os asumes ou non es ninguén», anota Santos, que engade a estas presións «os uniformadores patróns de comportamento que impón a publicidade». Hipólito loita contra este asedio e, «como antídoto, levanta unha ficción que incorpora a modelo de lona do anuncio e na que vive moito mellor que na realidade».

Foxo é un argallador de historias, que coida os clientes e establece con eles vínculos efémeros, nun intento tamén de triunfar ante a chegada das máquinas de automatización do cobro. Mentres medita aceptar un ofrecemento para a promoción na empresa, «deixar a inhóspita garita na que leva 11 anos e pasar ás oficinas de administración, para pisar moqueta», reflexiona sobre o estilo de vida que lle convén (o relato intercala entradas do seu diario íntimo) e que facer coas dúas relacións de parella que mantén, que, tamén, claro, lle esixen un maior compromiso.