Rocío Carolo, profesora de Filosofía na USC: «Hai que pararse a reflexionar»

CULTURA

cedida

Acaba de presentar un libro sobre o pensamento no medievo para, di, rachar cos prexuizos sobre esa época histórica

03 jun 2022 . Actualizado a las 14:26 h.

A filosofía é unha cousa vella e complexa, un pouco pasada de moda e de dubidosa aplicación na vida moderna. E Rocío Carolo (A Estrada, 1990) é unha profesora que desmente eses tópicos. Nova, apaixonada polo pensamento, experta nos medievalistas, reivindica a filosofía como unha vía para ter unha vida mellor.

—Que tal vai o curso?

—A piques de rematar. Xa estamos cos exames finais.

—Son bos os alumnos?

—A verdade é que as últimas promocións son bastante boas. Hai un bo futuro para a filosofía.

—Cantos anos leva dando clases?

—Dende o 2020. Pero levo vinculada á facultade máis anos.

—Vai poñer moitos suspensos?

—Ha, ha, espero que non. Sempre digo que os profesores non poñemos suspensos, senón que son os alumnos os que suspenden. Pero teño alumnos moi aplicados.

—Presenta o libro «La luz entre las tinieblas» que escribiu sobre filosofía medieval. Non parece para o gran público...

—Estou bastante contenta. A xente que coñezo que o leu, coméntame que, pese a que é bastante específico, é lexible para todos os públicos. É unha forma de acercar á xente a filosofía medieval, sobre a que hai moitos prexuízos.

—Prexuízos sobre a filosofía medieval?

—É que se considera como unha etapa escura, aínda que hai unha tendencia a cambiar esa perspectiva. Concíbese máis como mística ou relixión en vez de filosofía.

—Se Tomás de Aquino aterrase hoxe na Coruña... que pensaría?

—Ha, ha. Home, traer ao presente a Tomás de Aquino ou a calquera pensador doutra época sería moi complexo e o seu pensamento non sairía ben parado. Pero é certo que o tomismo segue vixente en certo modo.

—Tamén traballa sobre o pensamento galego. Hai un pensamento galego?

—É unha boa pregunta. Eu coido que si o hai. Traballo Ramón Piñeiro e defende que hai un pensamento galego. Se non temos reparos de falar dun pensamento alemán, por que non falar dun pensamento galego? Temos grandes pensadores: Piñeiro, a xeración Nós... o seu pensamento axudou a entender mellor o que somos.

—E como é ese pensamento?

—Coido que é un pensamento baseado quizais no sentimento. Rosalía de Castro é profundamente sentimentalista e incluso os que reflexionan sobre o pobo, marcan algo tan importante como a morriña, ese sentimento telúrico á nosa terra. Se algo nos caracteriza é ese interiorismo.

—O depende, a escaleira, o relativismo... todos eses tópicos teñen sentido?

—O pensamento galego non é dubitativo nin relativo. Eles teñen unha conciencia clara do que queren dicir. O galego na escaleira non se sabe se sobe ou se baixa. Non é certo. Non o saben outros. Nós si sabemos se estamos subindo ou baixando. Ao mellor non sabemos definila, pero si sabemos cal é a nosa conciencia.

—Que lle capturou da filosofía?

—Tamén é unha gran pregunta. Pero non o lembro ben. Pode que cando era pequena se falara algo de filosofía na casa. E eu, que son moi inqueda, quixen saber que era aquilo. Mirei e gustoume. Preguntarse polo sentido último. E díxenme: «por que non?». En bacharelato estudeina e ata hoxe.

—A xente da filosofía destaca sempre as vantaxes para o propio crecemento persoal. A vostede axudoulle?

—Eu diría que si. É unha disciplina que che aporta moito. Son as grandes preguntas que se fai todo ser humano. É verdade que a filosofía é facer moitas preguntas sen atopar respostas, pero en certo modo, nesa procura, atopas algo que che axuda a construírte como persoa e mellorar.

—Tamén é unha queixa común o feito de que sexa unha materia mal tratada nos currículos e nos plans de estudo.

—É unha continua loita a que temos pola presenza da filosofía en secundaria. Cada vez que sae unha lei nova trememos por ver como queda a filosofía. A nova lei deunos un certo aumento de horas en bacharelato, pero prescindiu da ética na ESO. Así que o que non curse o bacharelato sairá do instituto sen tocar filosofía. E iso é un gran problema.

—A vida actual non axuda a pensar moito. Todo vai moi rápido.

—É verdade, pero de aí a importancia da filosofía. Non podemos vivir eternamente no aquí e agora. As grandes decisións da vida non podemos tomalas nun segundo. E grandes problemas actuais necesitan unha resposta filosófica. Quizás un dos retos actuais sexa que os futuros docentes de filosofía amosen que é unha cousa actual e necesaria. Hai que pararse a reflexionar, tes que ser crítico.

—Non o pense moito: Celta ou Dépor?

—Ha, ha. Non son moito de fútbol, pero polo meu pai son máis do Celta.

—Que cousas fai que non sexan por cartos?

—Gústame a novela negra. Leo cunha amiga para poder comentalas. Tamén facer deporte na medida do posible. E viaxar.

—Defínase en poucas palabras.

—Son un pouco cabezona e resistente; intento conseguir aquilo que me propoño. Ás veces perfeccionista de máis.

—Un lugar fetiche?

—Pasei moito tempo en Cantabria e gústame moito esa zona. Teño ganas de volver.

—Ten tatuaxes?

—Non. Gústanme, pero nos demais.

—Unha canción.

—Estes días estou escoitando O querer, das Tanxugueiras.

—O máis importante na vida?

—Sentirte ben contigo mesma, no sentido de facer o que realmente che gusta. E a saúde, claro. Se vives a gusto, todo flúe.