Tamén haberá un traballo para documentar o resultado do proxecto no que participarán Carmen Blanco, Xesús Alonso Montero, Xosé María Álvarez Cáccamo, Antonio Deaño Gamallo, Víctor F. Freixanes, Pilar García Negro, Aurora López, Olga Novo, María Novo, Manuela Palacios González, Andrés Pociña, Armando Requeixo, Claudio Rodríguez Fer, Olivia Rodríguez González, Mónica Vázquez Porto e Darío Villanueva. Moitas destas persoas forman parte do comité científico desta programación.
A homenaxe a Luz Pozo tamén terán proxección no tempo, xa que o Centro Ramón Piñeiro publicará a edición facsimilar da revista Mensajes de poesía, dirixida no seu tempo por Eduardo Moreira coa participación decisiva da autora luguesa. Esta reedición rescata un dos traballos máis importantes da Galicia da posguerra, xa que no seu día acolleu textos de poetas como Vicente Aleixandre, Álvaro Cunqueiro, Carmen Conde, Pura Vázquez, Ánxel Fole ou Blas de Otero, entre outros. Esta recuperación é froito das investigacións de Luis Alonso Girgado, Armando Requeixo, Tamara Andrés e Manuel Naveira.